Nova
Alfonso Villares pon en valor o traballo das redeiras no marco de sector pesqueiro galego
Medio cento de profesionais procedentes do País Vasco, de Cantabria e Asturias se deron cita no simposio co que colabora a Administración autonómica, e no que se abordou a situación e o futuro da profesión en ambas as dúas comunidades ou a representatividade nas decisións que afectan a este oficio
Con este mesmo fin, en xaneiro, a Consellería renovou o apoio económico á entidade galega, que agrupa a un total de oito asociacións
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou este sábado na Xornada Intercambio de Experiencias de Redeiras de Euskadi, organizada pola Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, e na que o responsable autonómico enxalzou o labor que desempeñan estas profesionais no marco do sector pesqueiro galego e o seu compromiso coa defensa, o recoñecemento e a mellora das condicións laborais deste colectivo.
Un total de medio cento destas profesionais procedentes do País Vasco, de Cantabria e Asturias se deron cita no simposio co que colabora a Administración autonómica, e no que se abordaron, entre outros asuntos, a situación e o futuro da profesión en ambas as dúas comunidades, a representatividade nas decisións que afectan a este oficio, así como as modificacións que deberían levarase a cabo no eido laboral para optimizar e rendibilizar esta actividade.
Precisamente, con esta mesma finalidade, Villares lembrou a aposta que fai o Goberno galego polo impulso deste sector, e que se demostra coa sinatura do convenio asinado no mes de xaneiro coa Federación galega, destinado a axudar ao financiamento da súa actividade e ao desenvolvemento dun programa específico de inspección laboral para prever as doenzas que van aparelladas ao exercicio deste traballo. Trátase, en definitiva, segundo indicou o conselleiro, de sentar as bases para asegurar a remuda xeracional dun réxime esencial dentro do sector pesqueiro.
Creada en 2004
A Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao” foi creada en 2004, no marco do III Encontro de Redeiras. A súa sede social está en Malpica e o seu traballo xira ao redor da dignificación e visibilización da profesión, co obxetivo de empoderar ás asociadas no ámbito social, económico, cultural e político e promover a igualdade. Deste xeito, están a deseñar distintas liñas de actuación encamiñas a regular a nivel nacional a profesión de confección e mantemento de redes e aparellos de pesca, á loita contra o intrusismo laboral, á busca de novas alternativas de emprego, á mellora das condicións económicas e laborais, así como á difusión do seu oficio a nivel nacional, a lograr o recoñecemento das continxencias profesionais derivadas do seu traballo ou a eliminar a fenda salarial existente entre os distintos subsectores dedicados á confección e conservación de redes e aparellos de pesca.
Na actualidade, está integrada por 8 asociacións, que son as seguintes: Atalaia-A Garda, Cariño, Illa da Estrela–Corme, Cerco–Cangas, Fieital–Malpica, Portosín, Virxe do Carme-Porto do Son e Cedeira.