Nova

A Xunta destina máis de 200.000 euros a un proxecto coa USC para a detección da alga asiática invasora e impedir a súa proliferación na costa galega

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Para o seu desenvolvemento, cuxo período se estende ata 2027, contarase tamén coa colaboración da UDC, a Federación Galega de Confrarías e os pósitos de A Coruña, Cangas e Baiona

En paralelo, as Consellerías do Mar e de Medio Ambiente avanzan no plan de xestión creado polo grupo de traballo no último trimestre de 2024 para coordinar as actuacións de prevención, seguimento e control de expansión desta especie

A avaliación da calidade do medio mariño e o seu efecto sobre o marisqueo, e a obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho; outros proxectos que Mar desenvolve coa USC ata 2026

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron este martes un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto Rugulopteryx okamurae AND ambiental (Algasdet) co obxectivo de obter novas ferramentas coas que detectar esta alga asiática invasora.

O responsable autonómico destacou que a finalidade é acadar parámetros que identifiquen esta especie para anticiparse á súa proliferación na costa galega, xa que posúe unha gran capacidade de expansión e coloniza por completo os ecosistemas, aos que chega provocando unha perda de diversidade nas comunidades biolóxicas dos fondos mariños e xera impactos económicos na pesca. Tal é así que a súa elevada acumulación impide o uso dalgunhas artes e a súa presenza nas praias require intervencións para mantelas utilizables.

O acordo, dotado con 203.220 euros, enmárcase na rede de colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos autonómicos (Redemar), creada en 2022, na que a USC actúa como socio líder. Para o seu desenvolvemento, cuxo período se estende ata 2027, contarase tamén coa colaboración da Universidade da Coruña, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores e os pósitos de A Coruña, Cangas e Baiona.

Actuacións 

O obxectivo do convenio tamén é fomentar a concienciación do sector para evitar a súa expansión a curto prazo. Neste senso, realizaranse actuacións dirixidas á identificación mediante ADN e a súa distribución nas costas, á transferencia da ferramenta desenvolvida aos organismos xestores dos programas de seguimento ambiental do litoral, á preparación de cartografía e establecemento de estacións de monitorización, así como á difusión das precaucións que se poderían aplicar para retardar, ou polo menos non fomentar, a súa propagación debido á acción humana no medio mariño.

Contexto

A Consellería do Mar recibiu a finais de xuño de 2024 dúas comunicacións dunha investigadora da Universidade de Santiago de Compostela sobre a constatación por primeira vez en augas galegas da Coruña e Pontevedra da presenza desta alga asiática invasora.

Automaticamente, xunto coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, acordouse constituír un grupo de traballo para a elaboración dun plan de xestión da biomasa derivada desta especie e analizar os posibles impactos da súa expansión tanto económicos no sector pesqueiro como ecolóxicos para o medio ambiente. En setembro de 2024 celebrouse a primeira reunión do grupo de traballo técnico (formado por representantes de diversos departamentos da Xunta, do Goberno central, da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña), na que se presenta un borrador para coordinar as actuacións para a prevención, seguimento e control da expansión da alga. Na actualidade, os dous departamentos autonómicos continúan desenvolvemento este documento de traballo.

Outros convenios

Este convenio súmase aos outros que están vixentes, e que están destinados á realización do proxecto da calidade do medio mariño litoral e o seu efecto sobre o marisqueo (Calimar), e á obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho (Resalber). Estas dúas iniciativas contan cun investimento que rolda os 600.000 euros. Dispoñen dun período de execución ata 2026.

Imaxes relacionadas