Nova
A Xunta salienta a importancia da produción de grelos na nosa comunidade na XIX Expogrelo de Abadín
A conselleira do Medio do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron neste evento que pon en valor este produto agroalimentario
Abadín (Lugo), 1 de marzo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiron hoxe á XIX edición da feira Expogrelo do concello lucense de Abadín, onde puxeron en valor os grelos producidos na nosa comunidade, aos que definiron como un verdadeiro sinal de identidade do noso agro e moi característicos das datas de entroido.
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, conta cun selo propio que garante a calidade deste produto, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia. Cabe sinalar que esta IXP certificou no ano 2023 un total de 111 toneladas de produto, cun valor de mercado de 222.000 euros. A indicación conta con 178 produtores e cunha superficie inscrita total de 55 hectáreas, das cales 14 se atopan neste municipio lucense.
Por outra banda, a Consellería do Mar participa neste evento a través dunha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR, coas que a Xunta de Galicia achegou aos asistentes o mellor sabor das rías galegas, co fin de dar continuidade ao obxectivo de sensibilizar á poboación da importancia que ten para a súa saúde o consumo de peixe e marisco, ao tempo que contribúe a impulsar economicamente un sector que achega preto do 5% do Produto Interior Bruto (PIB) á economía galega.
Esta iniciativa é un dos distintos proxectos que o departamento que dirixe Villares ten en marcha en materia de promoción dos produtos marítimo-pesqueiro e acuícolas galegos. Tal é así que, segundo remarcou, ao longo deste ano, mobilizaranse 20 millóns de euros neste eido, un 75% que no pasado exercicio. A finalidade é, explicou, seguir establecendo alianzas que deriven na mellora da comercialización e o estudo de patróns e tendencias de consumos.