Nova

A Xunta leva o mellor sabor das rías galegas ata Pedrafita do Cebreiro coa campaña de Galicia sabe AMar

Pedrafita do Cebreiro (Lugo), 01 de marzo de 2025

A Consellería do Mar continúa achegando os produtos marítimo-pesqueiros á poboación galega, co fin de sensibilizar á cidadanía da importancia que ten o seu consumo tanto para a saúde como para o impulso económico do sector. Este sábado, unha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR recalou en Pedrafita, co gallo da celebración da cuarta etapa do Gran Camiño que partiu da localidade de A Pobra do Brollón, en plena Ribeira Sacra, e rematou en O Cebreiro, unha das aldeas da montaña de Lugo máis coñecidas por ser a porta de entrada a Galicia do Camiño Francés.

O responsable deste departamento autonómico, Alfonso Villares, asistiu á chegada da cita deportiva, xunto ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e onde tamén compartiu cos asistentes os distintos petiscos que ofrece esta iniciativa. O titular de Mar sinalou que a nova edición desta iniciativa, lanzada no pasado mes de agosto e impulsada pola Xunta de Galicia, reforza o apoio do Goberno galego á promoción dos produtos pesqueiros galegos, tamén nos municipios de interior da comunidade. Neste senso, destacou que o peixe, marisco e conservas son unhas fontes excepcionais de proteína cun importante impacto positivo na saúde da cidadanía. Ademais, recordou o peso da cadea mar-industria na economía de Galicia, na que traballan ao redor de 50.000 persoas da comunidade.