Nova

A Xunta sitúa a ampliación de usos da concesión da OPP Parquistas de Carril no porto de Vilagarcía de Arousa no marco do seu plan de produción e comercialización

1 de 1

O departamento autonómico non ten constancia de que as instalacións concesionadas pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía vaian a ser destinadas á mesma actividade que desenvolve a lonxa na actualidade

A directora xeral explicou que a proposta de instalación dun pantalán, recollida no Plan para este ano da OPP-89, deberá seguir os procedementos administrativos que establecen a lexislación vixente 

Tamén trasladou o compromiso do Goberno galego de colaborar coa organización empresarial e a confraría para acadar os seus obxectivos garantindo sempre a viabilidade de ambas entidades

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025

A Consellería do Mar sitúa a ampliación de usos da concesión da Organización Empresarial Parquistas de Carril no porto de Vilagarcía de Arousa para integrar os usos de clasificación, manipulación, envasado, almacenamento e venda de moluscos bivalvos no marco do seu Plan de Produción e Comercialización. Así o explicou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, na súa comparecencia na Comisión 8ª do Parlamento sobre actuacións solicitadas pola OPP-89 no peirao vilagarcián.  

A responsable autonómica sinalou que dita solicitude foi avalada pola Avogacía do Estado en cumprimento da lexislación vixente e que a mesma foi aprobada o pasado 31 de xaneiro pola Autoridade Portuaria, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Ademais, subliñou que o Goberno galego non ten constancia de as instalacións concesionadas vaian a ser destinadas á mesma actividade que desenvolve a lonxa na actualidade. 

A directora xeral indicou que unha das funcións propias das organizacións de produtores pesqueiros é a de poñer en práctica medidas destinadas a mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros e os rendementos económicos dos produtores. Nesta liña, recordou que nos últimos anos esta organización acometeu melloras nas condicións de traballo e hixiene nas citadas instalacións así como unha mellora da operativa de clasificación e da loxística do almacenamento.

Por outra banda, Patricia García explicou que a proposta de instalación dun pantalán para que as embarcacións podan acceder directamente ao porto é unha medida que vén recollida no  Plan de Produción e Comercialización para o ano 2025 da OPP e que, neste momento, se atopa en fase de estudo e de chegar o caso deberá seguir os procedementos administrativos que establece a lexislación vixente.

Tamén indicou que, por agora, non consta nin o proxecto nin solicitude algunha ás administracións competentes e recordou que a súa inclusión na planificación para o presente ano non implica necesariamente unha obrigación de execución, sendo previsible que a OPP presente modificacións a este plan para adaptalo aos resultados dos estudos e análises técnicos que realice.

Encontro coa Confraría

A directora xeral informou que, xunto o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro o pasado mes de febreiro con representantes da Confraría de Pescadores de Carril na que se trasladou a máxima colaboración do Goberno galego no desenvolvemento de iniciativas por parte das dúas entidades, procurando sempre que se acaden os obxectivos que lles son propios e garantindo a viabilidade das dúas organizacións.

Imaxes relacionadas