Nova

As descargas de bocarte nos peiraos de Porto do Son alcanzan o 70% das 488 toneladas que foron comercializadas nas lonxas galegas este ano

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O conselleiro do Mar informou que esta mañá celebrouse un encontro coa frota do cerco para abordar unha posición común respecto ao borrador de Resolución da Secretaría Xeral de Pesca para xestionar esta pesqueira no Cantábrico

Tamén criticou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pretendera mudar o modelo de xestión a uns días do comezo da campaña sen consensualo co propio sector

A frota de cerco que faena na zona 8 do CIEM ascende a 218 buques, dos cales 130 corresponden á frota galega, que teñen asignado este ano 27.527 toneladas para o 2025

Porto do Son (A Coruña), 6 de marzo de 2025

Os recintos portuarios de Porto do  Son e Portosín levan varias semanas cunha intensa actividade debido ao importante número de capturas de bocarte grazas a un gran banco desta especie fronte á costa da comunidade. Alí estivo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que asistiu aos traballos de descarga deste produto pesqueiro do que só nesta semana foron comercializadas neste municipio coruñés 240 toneladas. Desde o inicio do ano chegaron ás lonxas galegas máis de 488 toneladas de bocarte, correspondendo ao redor do 70% das mesmas aos peiraos de Portosín e Porto do Son. 

Un excelente comportamento nas capturas nun momento do ano atípico que retrasou a saída da frota galega cara o Cantábrico de cara ao inicio da campaña prevista para o vindeiro 10 de marzo na zona 8 do CIEM na que España ten asignadas para este ano 27.527 toneladas desta especia. Unha pesqueira que está pendente da publicación por parte da Secretaría Xeral de Pesca (SXP), dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, da publicación da Resolución que estableza o modelo de xestión para o 2025.

O responsable autonómico informou que esta mesma mañá celebrouse un encontro co sector para estudar o borrador de Resolución remitido pola SXP e establecer unha posición conxunta de Galicia. O documento mantén os criterios de reparto establecidos no 2024 con cotas de quilogramos por buque e día  diferenciando as embarcacións de máis de 120 GT ou de menos pero que conten con 12 ou máis tripulantes enrolados así como dados de alta na Seguridade Social do resto da frota. Polo tanto, en liña co defendido pola Xunta nas últimas semanas.

O titular de Mar recordou as xestións realizadas polo Goberno galego, en consenso co propio sector, remitindo dúas cartas ao organismo estatal nas que se solicitaba transparencia no deseño de calquera novo modelo de xestión desta pesqueira así como que calquera cambio sexa supeditado ao acordo coa propia frota. Tamén recordou que a frota do cerco que opera nesta área, que abarca desde Fisterra ata a fronteira con Francia, alcanza os 218 buques dos cales 130 son galegos.

Improvisación e presas

Alfonso Villares criticou a improvisación e as presas coas que o Ministerio pretendeu mudar o modelo de xestión dunha pesqueira, de enorme relevancia para o sector pesqueiro galego, tan só uns días antes do inicio da campaña. Por isto, puxo en valor a coherencia da posición de Galicia de manter o modelo e instou á SXP a traballar con tempo e da man do sector nun novo modelo, xa de cara ao 2026, que permita avanzar na rendibilidade e sustentabilidade da explotación deste recurso pesqueiro.

Imaxes relacionadas