Nova

Galicia mostra os seus referentes en formación e investigación á delegación de Bretaña coa visita ao Instituto Marítimo Pesqueiro de Vigo e o Intecmar

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O centro formativo imparte os ciclos superiores de Pesca de Altura e de Máquinas e os ciclo medios de Pesca de Litoral e Máquinas que se complementan este ano con outras 46 accións formativas  

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) está recoñecido como Laboratorio Nacional de Referencia en Biotoxinas Mariñas e realiza anualmente 80.000 análises para garantir a calidade e salubridade dos produtos do mar galego

Vigo, 7 de marzo de 2025

A delegación de Bretaña, que encabeza o vicepresidente do Mar e Litoral, Daniel Cueff, coñeceu este venres os Institutos Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), no marco da rolda de contactos institucional e empresarial que a comitiva bretoa está a levar a cabo na zona da Ría de Vigo, e que no día de onte incluíu tamén unha xuntanza de traballo co conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, acompañou á comitiva no percorrido realizado polo primeiro Instituto que, en 2015, foi nomeado Centro de Referencia Nacional en Pesca e Navegación, converténdose así nun dos puntos formativos do ámbito profesional máis destacados en España. Na actualidade se imparte neste centro no ámbito da formación regrada o ciclo superior de Pesca de Altura e de Máquinas así como os ciclos medios de Pesca de Litoral e de Máquinas cun total de 207 persoas matriculadas. Ademais, esta previsto que acolla este ano 46 accións formativas de curso de mariñeiro pescador, mariscador a pé, percebeiro, patrón costeiro polivalente nas modalidades de ponte e máquinas ou de aumento de atribucións de mecánico naval, entre outros.

No caso do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), os asistentes foron recibidos pola súa directora Covadonga Salgado, que lles explicou as liñas de traballo do Intecmar e os distintos proxectos que se están a levar a cabo no control da calidade do medio mariño e en materia de control técnico-sanitario dos produtos do Mar. Os participantes puideron coñecer os exhaustivos controis e seguimento relativos aos ámbitos de actividade do Instituto: seguridade alimentaria, sanidade animal e observación do océano e loita contra a contaminación mariña accidental.

Constituído como un centro punteiro e referente a nivel mundial nos seus ámbitos de actividade, e designado como Laboratorio Nacional de Referencia en Biotoxinas Mariñas en setembro 2021, o Intecmar realiza cada ano máis de 80.000 análises para garantir a calidade e salubridade dos produtos do mar galego. Neste senso, as avaliacións van dende parámetros oceanográficos, ata análises de biotoxinas, hidrocarburos, metais pesados, substancias organocloradas, clorofilas, concentración de nutrientes, recontos de fitoplancto e, ademais análises microbiolóxicos e histopatolóxicos dos moluscos.

Imaxes relacionadas