Nova

O Igafa obtén a homologación da IMCA para a súa formación en mergullo abrindo novas oportunidades laborais para o seu alumnado noutros países

1 de 2
2 de 2

O conselleiro do Mar sinala este fito como aval dos rigorosos estándares e calidade educativa dos centros de formación marítimo pesqueira autonómicos así como da excelente capacitación coa sae o alumnado ao mercado laboral  

O centro, dependente da Consellería do Mar e que é Centro de Referencia Nacional (CRN),  xoga un papel fundamental ofrecendo formación especializada impartindo a titulación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas (TOSH) 

A International Marine Contractors Association (IMCA) é a principal entidade a nivel mundial que establece as normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar  

A Illa de Arousa (Pontevedra), 12 de marzo de 2025

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) obtivo recentemente a homologación da súa formación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiberbáricas (TOSH) pola International Marine Contractors Assosiation (IMCA), a principal entidade a nivel mundial que establece as normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou o centro dependente do seu departamento onde puxo en valor que é o primeiro centro público en alcanzar este recoñecemento en toda España o que abre as portas ao seu alumnado a optar a oportunidades laborais noutros países. 

O responsable autonómico sinalou este fito como aval dos rigorosos estándares nacionais e internacionais así como da calidade educativa dos centros de formación marítimo pesqueira autonómicos. Tamén enxalzou o traballo do equipo docente e os seus programas educativos, ademais da súa actividade como polo de innovación, colaborando con sectores industriais e organizacións para promover as mellores prácticas e a aplicación das tecnoloxías máis avanzadas. Un labor que sitúa a Galicia como referente en formación no ámbito marítimo pesqueiro.

No proceso de homologación o instituto recibiu a visita de representantes do IMCA na que puideron comprobar os procesos formativos, as instalacións e as dotacións de material que avaliaron moi positivamente. Así, o Igafa conta con salas equipadas e os materiais e instrumentos máis modernos, ademais de piscina interior, foxo-piscina exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases, campo de prácticas no mar que son cunha sala de acuarioloxía, un obradoiro de soldadura, un obradoiro de mecánica e varias embarcacións. 

O centro autonómico, recoñecido tamén no 2019 como Centro de Referencia Nacional, leva impartindo esta formación especializada en mergullo desde o ano 2001 saíndo como titulados desde entón máis de 200 profesionais. Na actualidade ofértanse 12 prazas para un ciclo que ten carácter bianual (un ano impártese o primeiro curso e ao seguinte o segundo) cunha gran demanda e unha inserción laboral do 100%. 

Esta acción formativa que é complementada con diversos cursos de menor duración como o de Iniciación ao mergullo profesional, o mergullador profesional de 1ª e 2ª clase restrinxido, o profesional de 2ª clase, ou de primeiros auxilios e de reciclaxe para mergulladores profesionais. No Igafa tamén se imparten o ciclo superior de Técnico en Acuicultura e o ciclo medio de Cultivos Acuícolas, formando no presente curso, v no ámbito da formación regrada, a un total de 97 persoas das cales o 37% son mulleres.   

Imaxes relacionadas