Nova

Villares pon en valor o liderado do Intecmar que sitúa a Galicia á vangarda europea avalando a seguridade do consumo dos produtos pesqueiros da comunidade

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño exerceu de anfitrión, por cuarto ano consecutivo, do encontro no que se abordaron os últimos avances no control da calidade das augas e cambios lexislativos en España e na UE

Alfonso Villares resaltou que o centro realiza entorno de 10.000 análises de biotoxinas anuais, emite máis de 600 informes e aproba ao redor de 400 informes que regulan a actividade extractiva das zonas de produción de moluscos bivalvos na comunidade

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 13 de marzo de 2025

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) acolleu a X Reunión da Rede Nacional de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas, que congregou nas instalacións do laboratorio nacional de referencia de Vilaxoán a representantes de sete das oito institucións que conforman esta malla no conxunto de España. Con motivo da xuntanza o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou o centro onde puxo en valor o liderado do Intecmar que sitúa a Galicia á vangarda europea avalando a seguridade do consumo dos produtos pesqueiros da comunidade.

O responsable autonómico deu a benvida aos participantes desta cita ao que desexoulles o máis produtivo dos encontros á vez que trasladou os seus parabéns aos profesionais do Intecmar, dirixido por Covadonga Salgado, polo seu bo facer e contribución  á detección das zonas afectadas por estas biotoxinas e implantar coa maior celeridade unha xestión que minimiza as perdas do sector ao tempo que se vela en todo momento pola seguridade alimentaria dos produtos pesqueiros galegos.

O titular de Mar destacou que o Intecmar leva más de 25 años sendo un centro de control á vangarda europea e mundial na identificación e detección dos distintos tipos de toxinas presentes na costa galega, cun interese duplo: a protección dos mares e o aumento da calidade das augas; e o coidado da saúde, tanto dos animais mariños como das persoas que os consumen como alimento.

Alfonso Villares explicou que Galicia conta na actualidade cunha ampla rede de puntos de toma de mostras ao longo do seu litoral que fai posible ofrecer un alto nivel de eficiencia na resposta ao sector marisqueiro e bateeiro pola necesidade de trasladar información de forma rápida e efectiva sobre as incidencias de peches e aperturas das zonas produtivas.

Unha actividade de control que se sustancia cada ano na realización do entorno dos 90.000 análises, dos cales 10.000 son referidos a biotoxinas, a emisión de máis de 600 informes do estado das zonas e a aprobación de ao redor de 400 resolucións que regulan a actividade extractiva das áreas onde se producen moluscos bivalvos na comunidade.

O conselleiro do Mar enxalzou a traxectoria e experiencia do Intecmar recordando que foi no seu día o primeiro laboratorio de Europa na acreditación de análise histopatolóxicas de moluscos, así como o pioneiro centro de control oficial de España en acreditar o método analítico de referencia de toxinas mariñas lipofílicas, mediante cromatografía de líquidos con detector de espectrometría de masas.

Avanzar na colaboración

O feito de acoller a X Reunión da Rede Nacional de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas supón para o Intecmar unha gran oportunidade para avanzar na colaboración cos centros participantes. Nesta cita, na que se abordaron as actividades do laboratorio nacional na rede europea e a actualización do método en 15426 relativo ás toxinas paralizantes. Nesta edición participaron o Centro Andaluz de Control de los Recursos Pesqueros (Andalucía); a Agència de Salut Pública de Barcelona; o Instituto de Investigación y Tecnoloxía Agroalimentarias de Cataluña; o Laboratorio de Sanidade Exterior de Vigo; Anfaco-Cecopesca; o Laboratorio de Salud Pública de Valencia. Tamén estivo presente o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Laboratorio de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Imaxes relacionadas