Nova

Renovación da alianza de Mar e Medio Ambiente no ámbito da oceanografía operacional que da soporte ao observatorio costeiro da Xunta

1 de 2
2 de 2

Alfonso Villares destaca o papel da rede galega de observación océano-meteorolóxica que contribúe á eficiencia na xestión de eventos extremos, á resiliencia ante o cambio climático e á xestión sostible dos recursos mariños

Tamén se fixo pública a nova web de estacións automáticas que unifica as antigas, tanto de MeteoGalicia como do Intecmar, e que se alimenta dunha nova base de datos máis segura e moderna, mellorando o proceso de control da calidade dos datos

Ángeles Vázquez salienta que o traballo desenvolvido nos últimos anos permitiu optimizar o Observatorio Costeiro da Xunta, unha ferramenta que será fundamental no desenvolvemento e aplicación de Lei de ordenación e xestión integrada do litoral

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de marzo de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe o acordo que permite ampliar por catro anos máis a colaboración de ambos departamentos no ámbito da oceanografía operacional. Así o fixeron na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) no peirao de Vilaxoán.

A addenda ao convenio de colaboración engade como novidade o compromiso para dar soporte coa información xerada polo Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, dando cumprimento así ao establecido pola Lei 4/2023, de 6 de xullo, de Ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. Ademais, actualiza os servizos técnicos implicados por ambos departamentos e que conforman a rede galega observación océano-meteorolóxica composta por 6 plataformas automáticas, 4 antenas de radar HF, 43 estacións oceanográficas, despregadas por todo o litoral galego da man do Intecmar, e 160 estacións meteorolóxicas que son xestionadas por MeteoGalicia.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, situou ao Observatorio Costeiro como peza central para a xestión marítima eficaz e o desenvolvemento sostible do medio mariño grazas á proporción dunha ampla lista de produtos e servizos para os sectores da economía azul e o conxunto da cidadanía. Así, permite subministrar datos e predicións de calidade e utilidade para a investigación e a xestión dos recursos mariños, proporcionar información necesaria para a xestión de emerxencias dando soporte a Gardacostas, Sasemar e á execución do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).

Nesta liña, destacou que deste xeito o Goberno galego reforza o seu compromiso coa Axenda 2030 contribuíndo á eficiencia na xestión de eventos extremos, á resiliencia ante o cambio climático e á xestión sostible dos recursos mariños. O titular de Mar tamén puxo en valor a nova web de estacións automáticas https://observatoriocosteiro.xunta.gal/plataformas/ que unifica as antigas, tanto de MeteoGalicia como do Intecmar, e que se alimenta dunha nova base de datos máis segura e moderna, mellorando o proceso de control da calidade dos datos.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez salientou que MeteoGalicia e o Intecmar comparten así información a través do Observatorio Costeiro da Xunta e coordínanse para favorecer modelos de observación e predición no mar semellantes aos dispoñibles no ámbito meteorolóxico. De feito, o traballo desenvolvido nos últimos catro anos permitiu mellorar o sistema e pasar dunha predición meteorolóxica cunha resolución de catro quilómetros a só un quilómetro, o que na práctica supón mellorar substancialmente o prognóstico de vento, ondada, correntes mariñas e temperatura do mar.

A optimización dos modelos, incidiu a conselleira, permite deseñar e manter distintos produtos e servizos como as predicións específicas para portos ou confrarías, praias, colectivos profesionais como os percebeiros ou mesmo o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén subliñou que este convenio e a mellora das prestacións ofrecidas polo Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia contribuirán ao desenvolvemento efectivo e aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral. Neste sentido, esa colaboración converterase nunha ferramenta fundamental ao permitir abordar distintas cuestións ambientais vencelladas coa xestión da costa e co desenvolvemento das distintas actividades nela.

Imaxes relacionadas