Nova
A Xunta renova con 200.000€ a alianza coa DOP do Mexillón Galicia para mellorar a súa promoción e comercialización
Trátase da maior achega destinada polo Goberno galego a esta entidade dende que iniciaron esta colaboración en 2021
A miticultura é a actividade de acuicultura máis importante en Galicia e en España, pois en 2024 supuxo máis do 77% da produción acuícola
No Pleno do Consello Regulador, Villares puxo en valor a recente concesión de agrupación concedida aos produtores desta DOP, un proceso que esta comisión leva anos demandando
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de marzo de 2025
A Xunta renova a alianza coa Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para mellorar a súa promoción e comercialización. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente desta entidade, Mané Calvo, asinaron o convenio de colaboración, a través do que o departamento autonómico aporta 200.000 euros; a maior achega que realiza a Administración galega dende que iniciou en 2021 esta cooperación. Así, nestes cinco anos, a aportación da Xunta supera os 850.000 euros.
O obxectivo, segundo destacou Villares, é apoiar a mellora dos niveis do produto certificado por esta entidade, abordando tamén a necesidade de promovelo entre a cidadanía; de aí que inclúa actividades como degustacións, nas que se amosan as garantías que ofrece a certificación da DOP tanto entre os consumidores como entre potenciais compradores. Este tipo de colaboración contribúe, por tanto, a dinamizar o sector, mellorar a produción e os resultados dos produtores.
A miticultura ao detalle
A miticultura é a actividade de acuicultura máis importante en Galicia e en España, tanto polo seu volume de produción e de emprego, como pola súa cifra de facturación. En 2024 supuxo máis do 77% da produción acuícola española. É levada a cabo por numerosas empresas familiares que, a través do desenvolvemento de prácticas de cultivo tradicionais e ambientalistas, aportan ao mercado ao redor de 150.000 toneladas dun alimento natural de elevada calidade.
En Galicia hai unas 3.600 bateas nas que ao redor de 3.450 están aptas para o cultivo do mexillón. Destas, 2.300 están repartidas en 44 asociacións diferentes, correspondendo as restantes a titulares individuais ou empresas. De todas elas, 43 teñen concesión para o seu cultivo en réxime de reparqueo, sendo unha actividade sustentable dende os tres eixos: medioambiental, económico e social.
A Denominación en cifras
A DOP Mexillón de Galicia, segundo os últimos datos publicados, pechou o ano 2023 cun total de 12.004.800 quilos de produto certificado. Destes, máis de 1,9 millóns de quilos, foron destinados ao mercado en fresco. Pola súa banda, o dirixido á industria superou os 10 millóns de quilos.
Respecto aos rexistros, ese exercicio concluíu cun total de 133 empresas e marcas autorizadas para comercializar o seus produtos ao amparo da Denominación. Polo que respecta ás bateas certificadas, estas superan as 2.000, unha cifra que equivale ao 62% do total das fondeadas en Galicia.
Pleno Consello Regulador
Posteriormente á sinatura do convenio, Villares participou no Consello Regulador, no que se abordou a recente emisión da resolución por parte da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se lle outorga a este ente a condición de agrupación de produtores da DOP. O Consello Regulador levaba anos loitando por un selo de calidade no produto que sae directamente das rías galegas e que, pouco a pouco, foi aumentando o número de firmas amparadas co obxectivo de garantir que o mexillón que se consume é de Galicia.
Trátase dun trámite que, en palabras do titular do Mar, dá continuidade ao compromiso da Xunta coa miticultura que exporta parte dos seus bivalvos a Francia e Italia, e no que, para o seu desenvolvemento, é importante o traballo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariña (intecmar). A través destes centros este sector recibiu 11 millóns de unidade de cría no último ano.