Nova

Villares sitúa a Galicia como referente en formación no ámbito marítimo pesqueiro na que inviste este ano 12,3 millóns de euros

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O titular de Mar puxo en valor o traballo docente deste centro autonómico, o primeiro de España, recoñecido como Centro de Referencia Nacional de Pesca e Navegación, que forma cada curso a preto de 400 persoas

Tamén subliñou a importancia das accións formativas de calidade como piar sobre o que garantir a remuda xeracional dun sector produtivo estratéxico para a economía galega que representa o 5% do PIB e do que dependen 50.000 empregos

En total son 70 persoas as que remataron a súa formación e que agora acceden ás prácticas en empresas que dan acceso ao mercado laboral, na maioría dos casos embarcados en buques de pesca

Vigo, 21 de marzo de 2025

O Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico (IPMPA) de Vigo celebrou o acto de graduación do alumnado que remata a súa formación teórica nos ciclos medios e superiores de Ponte e Máquinas para iniciar a formación en centros de traballo que lles permita contar con experiencia práctica antes de incorporarse ao mercado laboral. No acto estivo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen situou a Galicia como referente no ámbito formativo marítimo pesqueiro e na que a Xunta inviste 12,3 millóns de euros para financiar a actividade dos catro centros de formación dependentes da Consellería do Mar así como en axudas para accións formativas impartidas polas entidades do sector.

O responsable autonómico puxo en valor o traballo docente deste instituto, o primeiro destas características de España, que está recoñecido como Centro de Referencia Nacional de Pesca e Navegación que conta cunha ampla oferta formativa da que se benefician cada curso ao redor de 400 persoas. Para isto, as instalacións do centro contan con talleres de motores, mecanizado e soldadura, modernos simuladores de navegación, comunicación e máquinas así como dun planetario cunha bóveda de 8 metros que é complementada cunha residencia cunha capacidade de 70 prazas.

Alfonso Villares tamén subliñou a importancia das accións formativas de calidade como piar sobre o que garantir a remuda xeracional dun sector produtivo estratéxico para a economía galega que representa o 5% do PIB e do que dependen 50.000 empregos na comunidade. Así, trasladou os seus parabéns ao alumnado que segundo dixo representa o futuro do sector aos que desexou unha boa singradura neste nova etapa na que contarán coa colaboración da Consellería para seguir impulsando o liderado de Galicia como potencia pesqueira.

Datos de embarque

Este curso rematan a súa formación no centro 70 persoas accedendo ás prácticas en empresas, requisito indispensable para a súa incorporación ao mercado laboral. O 93% do alumnado de Ponte e dous terzos do de Máquinas as realizará embarcados, o 50% en buques de pesca, dos cales o 70% en pesca de altura con Terranova, Malvinas, África e Gran Sol como principais caladoiros, optando a outra metade por buques de pasaxe ou mercante. 

Imaxes relacionadas