Nova
Villares enxalza o Galicia Fórum Gastronómico como escaparate de excepción dos produtos pesqueiros e da riqueza e sabor da despensa atlántica
O titular de Mar louvou a traxectoria da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, premiada na categoría produtor de Mar, pola contribución destas profesionais ao fornecemento da actividade pesqueira da comunidade
O evento pecha a súa décima edición na que o peixe e marisco galegos tiveron un papel destacado cun espazo propio baixo a campaña GALICIA SABE AMAR no que participaron 10 coexpositores e que contou cunha aula de degustacións
A Coruña, 25 de marzo de 2025
A X edición do X Galicia Fórum Gastronómico pechou a súa derradeira xornada acollendo a entrega dos premios Picadillo que recoñecen a traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria galega. No acto estivo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, onde enxalzou esta cita gastronómica como escaparate de excepción dos produtos pesqueiros así como da riqueza e sabor que hai detrás da despensa atlántica.
O titular de Mar louvou alí a traxectoria da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, premiada na categoría produtor do Mar, pola contribución destas profesionais ao fornecemento da actividade pesqueira na comunidade. Nesta liña, salientou que se trata dun traballo estreitamente ligado ás comunidades costeiras e vencellado a súa tradición mariñeira de tal xeito que a día de hoxe é un elemento diferencial da identificación cultural de Galicia.
Unha cita na que, da man da Xunta e baixo a campaña GALICIA SABE AMAR, os produtos do mar xogaron un papel destacado cun espazo propio no que participaron dez empresas e contou cun aula de degustacións na que se levaron a cabo 8 actividades cos mellores produtos a través de mans expertas. Así, estiveron presentes entidades como Anfaco-Cecopesca, a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, o selo autonómico PescadeRías, ou as organizacións de produtores pesqueiros de Burela, Ribeira e A Coruña.
Alfonso Villares puxo en valor este foro no que nos últimos días foron promocionados produtos do mar e da terra, mariñados cos viños das denominacións de orixe, co fío condutor dun Océano de cociñas. Recordou tamén a importancia de promover hábitos de alimentación saudable na cidadanía subliñando o papel do peixe e marisco que grazas a súa riqueza nutritiva aporta importantes beneficios entre os que están a prevención das doenzas cardiovasculares ou o fornecemento do sistema inmunolóxico entre outros.
Un mar de estrelas
A cidade da Coruña acolleu por cuarto ano consecutivo o maior encontro do sector culinario do norte de España na que os organizadores agardan superar a barreira dos 20.000 asistentes da entrega anterior, e que contou coa participación de nada menos que 30 gañadores de estrelas Michelin. Un evento que amosar os numerosos motivos polos que a cociña galega e unha das gastronomías nacionais que máis recoñecementos reciben a nivel global. O noso territorio exhibe 17 estrelas Michelin (tres deles con dúas estrelas) e 36 selos de calidade diferenciadas, sendo a 3ª Comunidade que máis ostenta.