Nova
Belén do Campo destaca o liderado de Galicia no sector primario na inauguración da Feira Multisectorial Magreco en Boimorto
Na súa intervención puxo de relevo a potencia do sector agrogandeiro na nosa comunidade, que se sitúa como "líder indiscutible" no ámbito nacional e como referente internacional, xa que se atopa entre as primeiras rexións europeas produtoras
Boimorto (A Coruña), 29 de marzo de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou xunto coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, na inauguración da feira multisectorial Magreco, que se celebra do 28 ao 30 de marzo na súa undécima edición. Belén do Campo realizou un amplo percorrido polos distintos espazos da feira que conta con 40 expositores con 120 marcas comerciais no seu mercado.
Na súa intervención puxo de relevo a potencia do sector agrogandeiro na nosa comunidade, que se sitúa como "líder indiscutible" no ámbito nacional e como referente internacional, xa que se atopa entre as primeiras rexións europeas produtoras. Belén do Campo destacou que o sector leiteiro é "un eido estratéxico" para Galicia no que desde a Xunta "actuamos en consecuencia" a través do apoio a todos os axentes do sector.
Neste senso, fixo referencia á aposta do Goberno autonómico por este sector, manifestada a través de diferentes vías, como as diversas liñas de achegas orientadas tanto aos gandeiros como ás industrias, estas últimas coa vista posta en avanzar nunha maior transformación do produto aquí, en Galicia.
A delegada referiuse ás axudas de remuda xeracional que na última convocatoria permitiron beneficiar a un total de 302 novos agricultores dos cales 114 foron da provincia da Coruña con apoios que ascenderon a case 3,7 millóns de euros e os plans de mellora que, o ano pasado, chegaron a 62 beneficiarios da provincia da Coruña grazas a axudas por un importe de preto de 9,8 millóns de euros.
Belén do Campo subliñou a relevancia da exposición de maquinaría agrícola, forestal e de xardín que representa unha das sinais de identidade de Magreco na que se amosan as últimas novidades das primeiras marcas. Neste senso, lembrou que a Xunta reserva, este ano, 1,4 millóns de euros en axudas para a adquisición de maquinaria agrícola en común. Tampouco falta a exposición de gando vacún, que pode verse durante toda a fin de semana, e a gran cita, o domingo, da tradicional poxa de xovencas.
A representante do Goberno galego destacou outro dos atractivos desta feira como é a venta dos produtos ecolóxicos. Neste senso, anunciou unha importante novidade para a campaña da PAC deste ano, porque se abre de novo, a petición do sector, a liña para agricultores e gandeiros que se incorporen a producións en ecolóxico, xa que,, estas axudas só se abren ao inicio do período da PAC no 2023. Estes apoios, sumados a outras de fomento das razas autóctonas en risco de erosión, supoñen un investimento de 1 millón euros, medio millón en cada unha delas.
A delegada tamén puxo en valor a ampla programación de actividades e obradoiros pensados para os visitantes, que fan deste evento un espazo de encontro familiar, lúdico e divulgativo. E, por suposto, tamén están presentes as charlas profesionais, onde expertos do sector comparten coñecementos, experiencias e perspectivas de futuro. “Estas intervencións son unha oportunidade única para reflexionar xuntos sobre os desafíos e as oportunidades do noso medio rural”, sinalou Belén do Campo. Ademais, os visitantes poden degustar os produtos do mar na foodtruk que a Consellería do Mar desprazou con motivo deste evento.