Nova
O Intecmar realiza 80.000 análises anuais para controlar a calidade e a salubridade dos produtos do mar de Galicia
Emite máis de 6.000 informes ao ano co fin de posibilitar os plans de explotación das entidades marisqueiras
Este labor investigador posibilita en cada anualidade a venda e consumo seguro de máis de 200.000 toneladas de moluscos bivalvos, pois o seu traballo permitiu mellora 30 zonas de produción
En colaboración coa Federación galega de Confrarías de Pescadores presentou no marco de REDEMAR a acción de investigación REDECOS, destinada a ter un mellor coñecemento e xestión do cultivo de especies marisqueiras e dos riscos aos que se enfrontan
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) destaca polo seu traballo en prol da seguridade alimentaria. Así, tal e como informou a súa directora en sede parlamentaria, Covadonga Salgado, este centro realiza unha media de 80.000 análises anuais, é dicir, arredor de 380 análises diarias para controlar e garantir a calidade e salubridade dos produtos do mar de Galicia. Ademais emite máis de 6.000 informes anuais co fin de posibilitar o funcionamento dos plans de explotación das entidades marisqueiras. Tamén envía máis de 20.000 notificacións de cambios nas zonas de produción de moluscos bivalvos a todos os axentes implicados –sector e administración-, atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas maioritariamente.
A aposta da Administración autonómica por un centro das características do Intecmar está motivado pola gran importancia da actividade acuicultora e marisqueira na comunidade, que esixe que a xestión das zonas de produción de moluscos se realice coa máxima axilidade para evitar perdas económicas aos sectores mitilicultor e marisqueiro pero, ao mesmo tempo, con total garantía para os consumidores dos produtos producidos nas costas de Galicia. Un traballo que, segundo avanzou Salgado, garante a venda e consumo seguro das máis de 200.000 toneladas de moluscos bivalvos producidos ao ano na comunidade.
En canto á evolución da clasificación das zonas de produción desde o ano 2009 ata marzo de 2025 houbo unha melloría en 30 zonas de produción de moluscos bivalvos: 3 correspóndense con polígonos de bateas e 27 son zonas de moluscos infaunais. Neste mesmo período, tamén houbo un empeoramento en 10 zonas de produción de moluscos bivalvos: 5 son zonas de produción de moluscos infaunais e 5 son polígonos de bateas.
Recoñecementos
No ano 2020, a firma Price Water House Coopers Portugal (PwC Portugal), no marco dos premios Excellens Mare 2020, concedeu ao Intecmar o premio anual da categoría Natura Mare 2020, cun xurado formado por especialistas e asociacións relevantes no eido do mar, o cal supón un recoñecemento á excelencia e ao mérito de persoas ou entidades que actúan a favor da conservación e posta en valor do medio acuático. Posteriormente, no 2022, o Instituto foi recoñecido polo Colexio Oficial de Biólogos como Institución do Ano e, máis recentemente, no ano 2024, a a xunta directiva de Anfaco tivo a ben concederlle a Medalla ANFACO-CECOPESCA 2024 na categoría Institución.
Incluso durante a pandemia da Covid-19 o INTECMAR no deixou de dar o servizo público que ten encomendado, realizando casi 4.000 analíticas e emitindo máis de 400 informes para garantir a seguridade alimentaria imprescindible para o abastecemento de produtos do mar á poboación e para que a economía do sector primario galego se resentise o menos posible e os moluscos bivalvos, en particular, puidesen chegar aos mercados coas máximas garantías sanitarias.
Proxecto actual
Na actualidade, e en colaboración coa Federación galega de Confrarías de Pescadores, presentou no marco de REDEMAR a proposta de desenvolvemento da acción de investigación REDECOS (Modernización da REDE de monitorización COSteira de parámetros ambientais), que persegue facer un estudo da recollida de datos de salinidade e temperatura en continuo nas augas pouco profundas en diferentes puntos do litoral galego e integrar ditas medidas nas plataformas de xestión de datos do OCXG. Neste senso, esta iniciativa ten como principal obxectivo modernizar o sistema de recollida destes datos co fin de ter un mellor coñecemento e xestión das zonas dedicadas ao cultivo de especies marisqueiras e dos riscos ao que se enfronta.
Vertidos Ribeiriña
Polo que respecta á pregunta sobre a eliminación definitiva dos vertidos e á ampliación da recuperación da zona e do litoral da Ribeiriña, no Concello de A Pobra do Caramiñal, Salgado informou que dende o Intecmar se traballou incrementando o control espacial e temporal de Hidrocarburos nos moluscos . Así, en canto se tivo constancia da súa existencia, o Instituto realizou análises específicos os días 15 e 28 de xaneiro e o 12 de febreiro. Os resultados obtidos obrigaron a pechar tres bancos (1 de marisqueo a pé e 2 de navalla). As últimas mostraxes, das que agarda terse datos nos vindeiros días, realizouse a mediados de marzo. Por tanto, tal e como explicou Covadonga Salgado, a actuación do Intecmar foi dilixente, ata o punto de que ela mesma lle comunicou os resultados e as accions que se ían tomar ao patrón maior o 11 de marzo, co fin de que dende a Confraría se tivese constancia do desenvolvemento dos feitos.
Por outra banda, dende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén se actuou noutros dous eidos. Con Costas do Estado, titular dos terreos de La Onza de Oro, vense de validar un plan de investigación para que, nun prazo de 4 meses, presente o seu informe final e, a partir dos resultados obtidos, determinar as actuacións a seguir no caso de que se certifique que o solo está contaminado. Asemade, solicitóuselle a seguinte documentación ao Concello, que aínda non remitiu: informe sobre as medidas urbanísticas adoptadas, previstas ou en curso en relación coas instalacións de Hadasa, información sobre as actuacións ou medidas de seguridade realizadas respecto aos residuos detectados e sobre as accións destinadas a mitigar os riscos ambientais e protexer a salubridade pública, copia dos informes técnicos, expedientes ou calquera outra documentación relevante.