Nova

A Xunta colabora con Anfaco para facer de Galicia o epicentro da conserva de atún mundial reunindo a máis de 400 directivos dos principais países produtores

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O titular de Mar destaca que este evento, que terá lugar en Vigo o vindeiro mes de setembro, reforza o liderado cadea mar-industria da comunidade que produce o 60% da conserva de Europa

Tamén manifestou o apoio do Goberno galego ao sector ante a competencia desleal de terceiros países que incumpren os convenios internacionais no ámbito medioambiental ou laboral

Vigo, 1 de abril de 2025

O vindeiro mes de setembro Vigo acollerá a XII Anfaco World Tuna Conference que situará a Vigo capital mundial da industria conserveira de atún. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou na presentación oficial do evento onde puxo en valor que a cita atraerá a máis de 400 directivos das principais empresas atuneiras que representan máis do 90% da produción mundial. Nesta liña, destacou que a cita será unha oportunidade única para conectar aos principais actores da industria para forxar alianzas e abordar as últimas innovacións e tendencias do mercado así como os desafíos actuais do sector.

O titular de Mar destacou que este evento reforza o liderado da cadea mar-industria da comunidade que produce o 60% da conserva de Europa, representada por 147 empresas das 252 que están integradas na Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco-Cecopesca), que supoñen o 88% da facturación e o 75% do emprego. Tamén subliñou a súa capacidade exportadora correspondendo á conserva galega o 73%  das 171.000 toneladas enviadas ao exterior por valor de 985 millóns de euros. Cifras, dixo, que amosan a importancia estratéxica desta industria como motor económico e de xeración de emprego.

O conselleiro manifestou o apoio do Goberno galego ao sector nun contexto complexo e sinalou a necesidade dunha política comercial coordinada e xusta que protexa ao sector conserveiro da competencia desleal de terceiros países que incumpren a normativa os convenios internacionais no ámbito medioambiental ou laboral. Unha demanda á que engadiu a rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros, medida reclamada desde fai tempo polo propio sector, para incentivar o seu consumo e que ata agora atopou a reiterada negativa do Goberno central. Ademais, criticou o retraso da posta en marcha do Perte Mar-Industria por parte do Ministerio, xa en proceso e cunha dotación de 20 millóns ampliables ata os 40 millóns. Un importe para o responsable autonómico reducido e que no reflicte a dimensión económica do sector.

Colaboración

Alfonso Villares resaltou a colaboración entre a Consellería do Mar e Anfaco na tarefa de impulsar accións que reforcen a competitividade da conserva galega e que se materializou en preto de 1,5 millóns de euros desde o 2015. Neste marco, ademais do evento presentado, están previstas outras actuacións como a celebración dunhas xornadas co obxectivo de promover a colaboración e a sinerxía entre as empresas conserveiras e transformadoras, e servir de catalizador para a atracción de investimentos e a apertura de novos mercados.

Esta alianza aborda accións de posta en valor das conservas e produtos do mar a e súa gastronomía, que ten por obxectivo a organización da II edición de A Matriculata, así como obradoiros, degustacións ou catas. Tamén abarca a promoción internacional, para potenciar e promover a imaxe exterior do sector ou unha campaña para manter a presenza dos produtos do mar na contorna dixital entre outras.

Imaxes relacionadas