Nova

Villares enxalza o potencial de Galicia e do sector pesqueiro no ámbito alimentario e a súa capacidade de xerar riqueza e emprego de calidade

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O titular de Mar pon en valor esta iniciativa, promovida por Clusaga, San Telmo Business School e a Universidade de Villanueva, que afonda na formación dos responsables das empresas así como na súa competitividade 

O Goberno galego apoia está acción con 70 mil euros para mellorar a accesibilidade dos profesionais ao programa permitindo mellorar as súas capacidades directivas

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) xunto coa Universidade de Villanueva e San Telmo Business School desenvolven o Programa de Dirección de Empresas Alimentarias. Unha acción formativa única e líder en España na que nos seus 40 anos de historia xa formou a preto de 2.000 profesionais. Alí estivo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que enxalzou o potencial de Galicia e do sector pesqueiro neste ámbito e a súa capacidade de xerar riqueza e emprego de calidade.

Nesta liña, resaltou a capacidade vertebradora do territorio e o seu papel na imprescindible soberanía alimentaria nun contexto global complexo que presenta importantes desafíos tanto no ámbito produtivo como no comercial. Así, valorou como esencial estas accións que permiten reforzar as capacidades directivas dos profesionais así como analizar e debater os retos actuais, adquirir unha perspectiva global, fortalecer habilidades clave, identificar áreas de mellora, ademais de ampliar horizontes e contactos. 

O responsable autonómico manifestou o apoio do Goberno galego que aporta 70 mil euros para o desenvolvemento desta acción e mellorar a súa accesibilidade para os profesionais do sector. Unha colaboración que estendeu a Clusaga na procura dun sector alimentario galego competitivo, que avance na rendibilidade e sustentabilidade así como na innovación para deseñar as respostas máis axeitadas ás necesidades e demandas dos consumidores de hoxe e do mañá.

O conselleiro o peso específico do sector pesqueiro no marco da industria alimentaria da comunidade, representando o 5% do PIB e 50.000 empregos, así como a súa estreita relación con outras actividades económicas que lle confiren ese carácter estratéxico. Por outra banda, tamén é referente en exportacións que alcanzaron os 2.800 millóns de euros no 2023, unha cifra récord que mantén a dinámica á alza dos últimos anos, e que reflicte o seu liderado a nivel internacional.

Clusaga

O Clúster Alimentario de Galicia foi creado en 2010 e opera na estrutura organizada do sector alimentario galego, integrando ás empresas e ás entidades de investigación e innovación, ademais doutras organizacións. O seu liderado baséase en transformar visións e plans de accións, creando solucións prácticas e aproveitando as oportunidades para abordar o reto de mellora a posición competitiva dos seus asociados, co conseguinte incremento de rendibilidade de forma sustentable. Na actualidade, conta con 150 socios.

Imaxes relacionadas