Nova

A Festa da Xouba de Rianxo contará novamente co apoio da Xunta de Galicia

1 de 2
2 de 2

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, trasladou ao alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, a vontade do Goberno galego para apoiar novamente o desenvolvemento da Festa da Xouba que se desenvolve no municipio coruñés no mes de xullo. Deste xeito, a Administración autonómica aposta por seguir dando a coñecer os produtos da costa galega. E é que este evento é unha auténtica exaltación deste peixe que conta co selo de calidade propio dende 2023 -Xouba de Rianxo, Pesca Artesanal, Arte do Xeito-, e que vai na liña das accións impulsadas pola Xunta de promoción do consumo dos produtos pesqueiros. Unha cita que atrae a numeroso público e que este ano cumpre a súa trixésimo edición.

A xouba é un dos peixes azuis máis emblemáticos do verán galego e doutros moitos puntos de España, sendo as do xeito exclusivas das Rías Baixas. O tamaño distíngueas, ao igual que o aparello co que as collen os barcos artesanais de baixura. En Galicia hai máis de 400 pesqueiros de artes menores autorizados a faenar con este sistema. En 2024, as lonxas galegas poxaron máis de 14 millóns de quilos de sardiñas e xoubas que xeraron en primeira venda máis de 16 millóns de euros.

Imaxes relacionadas