Nova
A Xunta sementa coa confraría de Cambados 2,8 millóns de unidades de ameixa babosa no marco do proxecto de rexeneración do banco do Galiñeiro
O conselleiro do Mar asistiu a unha das xornadas de traballo de sementado recollidas nesta iniciativa que inclúe o descompactado e remoción do substrato existente nunha superficie de 130 mil m2
No 2023 tamén foron realizadas tarefas de recuperación sobre unha área de 20 mil m2 coa finalidade de mellorar a conservación dos recursos mariños e reforzar a actividade marisqueira do municipio
Cambados (Pontevedra), 3 de abril de 2025
A Xunta xunto á Confraría de Cambados está desenvolvendo un proxecto de rexeneración do banco do Galiñeiro que recolle o sementado de 2,8 millóns de unidades de ameixa babosa. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou nunha das xornadas de traballo onde destacou o compromiso do Goberno galego por impulsar iniciativas que permitan afondar na recuperación e conservación das zonas produtivas para garantir a sostibilidade da actividade marisqueira na comunidade.
A iniciativa, que inclúe o descompactado e remoción de substrato existente nunha superficie de 130 mil m2, recibiu unha achega autonómica de preto de 65 mil euros e tamén aborda o seguimento técnico para avaliar os resultados das accións realizadas. Así, preténdese dar cumprimento en boa medida aos indicadores da Directiva Marco como son a mellora da biodiversidade, pola xeración de novos espazos para o asentamento de especies, así como a saúde dos stocks explotados, creando novas áreas para o mantemento dos stocks de especies comerciais como a ameixa babosa.
O responsable autonómico puxo en valor a colaboración da Consellería do Mar e as entidades do sector no desenvolvemento de actuacións de recuperación do hábitat mariño en favor de especies de interese marisqueiro. Unha liña de traballo que vai máis aló do sector xa que tamén ten un impacto positivo no conxunto da sociedade ao reforzar a actividade marisqueira no municipio repercutindo en termos de riqueza e emprego.
Con esta finalidade, Alfonso Villares recordou que xa no 2023 tamén foron realizadas tarefas de recuperación sobre unha área de 20 mil m2 o que reflicte o compromiso continuado da Xunta para seguir impulsando a competitividade desta actividade estratéxica para a comunidade agora no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 24-25, dotado con 123 millóns de euros.