Nova
A Xunta consolida as relacións pesqueiras de Galicia con Cabo Verde, favorecendo o emprego e a internacionalización do sector
O conselleiro pon en valor a industria galega transformadora de produtos do mar, na que Jealsa é un axente imprescindible
Boiro (A Coruña), 3 de abril de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cualificou a empresa Jealsa de axente imprescindible na industria de transformación de produtos do mar. Así o puxo en valor durante a visita realizada a esta factoría polo ministro desta carteira en Cabo Verde, José Pedro Mauricio dos Santos, e na que o responsable autonómico confirmou que para Galicia é fundamental ter presenza empresarial no país africano, pois é un operador de referencia na Unión Europea e no Norte de África, fundamentalmente, no sector dos derivados do bonito.
Deste xeito, esta visita consolida as xestións levadas a cabo nos últimos meses polo responsable autonómico, e iniciadas na viaxe realizada a este país o pasado ano. Jealsa conta con preto de 3.500 traballadores, pechando o exercicio fiscal con preto de 380 millóns de facturación consolidada.
Relacións con Cabo Verde
As relacións pesqueiras de Galicia con Cabo Verde teñen un carácter estratéxico, por ser Porto Grande, en Mindelo, unha base loxística mundial de importancia máxima para a frota galega. Asemade, destaca a relevancia dos seus recursos mariños, especialmente de especies como peixe espada, atún, xurelo e cabala. Prima a súa localización xeoestratéxica en termos loxística, e a frota pesqueira de palangre de superficie que pesca en augas da ZEE de Cabo Verde ao abeiro do acordo subscrito entre a Unión Europea e o país insular, e que permite faenar, fundamentalmente, aos buques con porto base en Burela, A Garda e Vigo.
A este respecto, é destacable tamén a actividade da Fundación Cetmar no país africano desde 2006, para cuxos proxectos conta co apoio económico da Xunta de Galicia.