Nova
Alfonso Villares presenta ao sector o Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común
O documento elaborado pola Xunta reformula o Ditame aprobado no 2022 e se suma ao Informe sobre o impacto sobre o sector pesqueiro do conxunto de propostas lexislativas e non lexislativas da Comisión encargado á Fundación MarInnLeg no 2023
O responsable autonómico valora o procedemento de avaliación impulsado polo executivo comunitario como unha oportunidade para apostar por unha rexionalización na toma de decisións na Política Pesqueira Común (PPC)
A protección do mercado interior europeo para dotalo de soberanía alimentaria, no que rexan tamén os principios do level playing field respecto a terceiros países, é unha das prioridades que trasladará ao comisario de Pesca no encontro da vindeira semana
O Pleno do Consello Gallego de Pesca manifesta a súa máxima preocupación ante a imposición dunha nova política arancelaria que prexudicará de forma notoria ao complexo mar-industria de Galicia
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
A Xunta presentou hoxe ao conxunto do sector pesqueiro galego, no marco da celebración do Consello Galego de Pesca, o seu Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da PPC no que se establecen as prioridades da comunidade ante o proceso aberto o ano pasado ano pola Comisión para a súa avaliación. O encontro foi presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen resaltou o traballo realizado polo Goberno galego, da man do conxunto da cadea mar-industria, na elaboración e actualización da folla de ruta galega.
O responsable autonómico sinalou que este decálogo vén a reformular o Ditame aprobado por unanimidade polo Consello no 2022 e recolle aspectos do Informe sobre o Impacto sobre o sector pesqueiro do conxunto de propostas lexislativas e non lexislativas da Comisión Europea, elaborado pola Fundación MarinnLeg a petición da Consellería no 2023. Entre as prioridades están a actualización do concepto de zona altamente dependente da pesca para que as zonas recoñecidas teñan un trato diferenciado encamiñado a preservar a actividade marítimo-pesqueira mediante unha distribución preferente das cotas de pesca.
A potenciación da remuda xeracional, a dotación dunha definición ampla da pesca artesanal, apropiada á idiosincrasia de cada conca marítima así como a adopción dun enfoque ecosistémico da actividade pesqueira que permita mellorar a súa xestión. Tamén a preservación do patrimonio marítimo ou o fomento da economía azul que sitúe as actividades da pesca, do marisqueo e da acuicultura no centro do deseño destas políticas.
Nesta liña, outra das demandas é a necesidade de establecer uns obxectivos realistas que permitan abordar os retos ambientais e enerxéticos derivados da adaptación ao cambio climático. Así, avógase por impulsar a investigación relativa á interacción entre as mudanzas ambientais e as poboacións de peixes e serva tamén para mellorar o análise do estado das pesqueiras coa finalidade de desenvolver máis e mellores ferramentas de xestión adaptadas. Tamén pola mobilización de suficientes recursos para a modernización e descarbonización da frota, incrementando a súa resiliencia enerxética e independencia dos combustibles fósiles.
Rexionalización PPC
Alfonso Villares valorou o procedemento de avaliación impulsado polo executivo comunitario como unha oportunidade para apostar por unha rexionalización da toma de decisións na PPC. Unha descentralización que permita unha xestión pesqueira eficaz e que implique a reformulación da cooperación entre as partes interesadas e a garantía dunha participación proactiva das autoridades rexionais na toma de decisións xunto as institución comunitarias, comunidade científica, representantes do sector e as ONG. Unha reivindicación compartida no marco da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) no que Galicia preside o Grupo de Traballo de Pesca.
Level Playing Field
O conselleiro trasladou o sector que outro piar da folla de ruta autonómica é a demanda de dotar de protección ao mercado interior europeo que permita garantir a soberanía alimentaria do continente. Un punto que uniu a importancia de que tamén rexan os principios do level playing field para que a frota comunitaria opere en igualdade de condicións respecto a terceiros países. Aspectos que estarán na axenda no seu novo encontro co Comisario de Pesca, Costas Kadis, que terá lugar a vindeira semana na capital comunitaria, o terceiro desde que o chipriota tomou posesión.
Novos aranceis
“O Pleno do Consello Galego de Pesca manifesta a súa máxima preocupación ante a imposición dunha nova política arancelaria que prexudicará de forma notoria ao complexo mar-industria de Galicia”. Nestes termos se expresou o sector ante o anuncio do goberno de Estados Unidos de incrementar nun 20% os aranceis aos produtos procedentes da Unión Europea. Entre 2021 e 2024, Galicia exportou produtos do grupo "03 Peixe, Crustáceos, Moluscos, 1604 Preparacións e conservas de pescado, 1605 Crustáceos, moluscos e demais ingredientes, 1504 Graxas e aceites, e seus fraccións, 230120 Fariña e pellets de peixe cru" a Estados Unidos, alcanzando un total de 252,51 millóns de euros en exportacións.