Nova
Rueda reivindica no Salón Gourmets o liderado gastronómico con produtos de excelencia e marca Galicia Calidade
Afirma que Galicia ten moito que ofrecer desde a súa posición privilexiada grazas aos seus profesionais
A Comunidade galega está representada no Salón con 39 expositores propios da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, zonas de catas de mel e queixos e 37 co-expositores no marco da campaña GALICIA SABE AMAR
Madrid, 8 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reivindicou hoxe na 38ª edición do Salón Gourmets, considerado o principal escaparate nacional e europeo da cociña de alta gama, o liderado gastronómico galego grazas aos seus produtos de excelencia e marca propia.
Durante a súa visita, o titular do Executivo galego destacou a importancia do evento para informarse e amosar de primeira man todo o que desde Galicia “temos que ofrecer” no ámbito da gastronomía. Neste sentido, Rueda sinalou que a presencia de Galicia Calidade é algo “que nos recoñece en moitos sitios” e que non hai que deixar de “promocionar” no exterior.
Segundo sinalou o presidente, no ámbito da alimentación “o mundo é moi competitivo” e Galicia debe vender todo o que ten que ofrecer desde a súa “posición privilexiada”: produtos de “enorme calidade” elaborados por profesionais con experiencia e exitosos.
A comunidade galega conta actualmente con 17 Estrelas Michelin (tres delas con dobre estrela) e 43 Soles Repsol, entre outros recoñecementos, así como cun tecido agroalimentario que suma máis de 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.
A presenza galega no Salón está formada por 39 expositores propios da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, zonas específicas de catas de mel e queixos e 37 co-expositores no marco da campaña GALICIA SABE AMAR.