Nova

Galicia impulsa coa CRPM a rexionalización da Política Pesqueira Común para que as comunidades costeiras teñan unha participación activa na toma de decisións

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O titular de Mar sinala a necesidade de promover unha descentralización da xestión pesqueira que garanta a participación das administracións rexionais na toma de decisións xunto cos Estados membros

Tamén reclama maior protección do mercado interior europeo para dotalo de soberanía alimentaria, no que rexan tamén os principios do level playing field respecto a países como Tailandia, con normativas medioambientais e laborais máis laxas

Bruxelas, 8 de abril de 2025

A Conferencia de Rexión Periféricas e Marítimas (CRPM) mantivo un encontro co comisario de Pesca e Océanos da Unión Europea, Costas Kadis, co obxectivo de impulsar o diálogo entre esta entidade e o executivo comunitario. Na cita participou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na súa condición de presidente do grupo de traballo Marítimo e de Pesca desta organización que representa a máis de 150 rexións de 24 estados nos que residen 200 millóns de persoas. O responsable autonómico trasladou a necesidade de que na reforma da Política Pesqueira Común se avogue pola súa rexionalización e reafirmou o compromiso da comunidade no impulso da economía azul.

Alfonso Villares situou a descentralización da xestión pesqueira como unha prioridade para Galicia e o conxunto da CRPM, con obxectivo de que se garanta a participación das administracións das rexións altamente dependentes da pesca, como Galicia, no proceso de toma de decisións xunto cos Estados membros, os representantes do sector e as ONG. Nesta liña, reivindicou a experiencia acumulada pola Xunta neste ámbito, un modelo de éxito sustentado na cogobernanza e colaboración co sector, que pode ser útil e moi valiosa á hora de promover unha política pesqueira máis eficiente e eficaz.

O titular de Mar aproveitou esta nova xuntanza co mandatario comunitario para reivindicar o liderado de Galicia como primeira potencia pesqueira de Europa, cunha actividade marítimo-pesqueira estratéxica xa que xera máis de 50.000 postos de traballo directos e supón arredor do 5% do Produto Interior Bruto (PIB). Trátase do terceiro encontro entre o responsable autonómico e o mandatario comunitario despois da videoconferencia celebrada en novembro, recen nomeado o chipriota, e da visita oficial xunto co presidente do goberno galego, Alfonso Rueda, á capital comunitaria o pasado mes de febreiro.

Igualdade de condicións

O titular de Mar traladou ante Kadis a demanda do conxunto da cadea mar-industria galega de dotar da debida  protección ao mercado interior europeo como outro elemento esencial na consecución da soberanía alimentaria. Así, manifestou a importancia de que  rexan os principios do level playing field ante terceiros países como Tailandia que contan con lexislacións medioambientais e laborais máis laxas o que supón unha desvantaxe competitiva  para as empresas comunitarias. O obxectivo non é outro que a frota poda operar en igualdade de condicións impulsando á vez un comercio pesqueiro máis xusto, equilibrado, que fomente a cohesión social e económica.

O responsable autonómico expuxo neste punto o exemplo da industria conserveira, na que o país asiático é referente na produción de conserva de atún cuxa materia prima procede de terceiros Estados apercibidos por pesca ilegal. Nesta liña, un acordo de libre comercio, no contexto actual, supón unha ameaza para o sector en Galicia, onde se produce o 60% da conserva europea. Polo tanto, reclamou as mesmas regras de xogo para todos os actores implicados para garantir que todos os produtos son comercializados baixo os mesmos estándares en termos de sostibilidade, requisitos hixiénico-sanitarios e laborais.

Invitación

Alfonso Villares puxo en valor o traballo realizado desde a Xunta no ámbito da Economía Azul mediante a presentación da Estratexia autonómica. Un plan integral que procura potenciar o desenvolvemento e aproveitamento de novas oportunidades que reforcen a economía mariña. Tamén aproveitou a reunión con Costas Kadis para reiterar a invitación do Goberno galego para que visite Galicia cando a súa axenda o permita, sendo o mes de xuño, co marco do European Maritime Day In My Country, a data ideal para este novo encontro.

Imaxes relacionadas