Nova

Galicia empregará a intelixencia artificial para mellorar a xestión dos recursos da ría de Arousa

Mar propón a creación dun xemelgo dixital que modele a influencia das variables ambientais e antropoxénicas sobre o ciclo de vida das especies residentes nesta zona

Para o desenvolvemento deste proxecto, denominado MaruxIA, a Consellería do Mar estima un investimento de 3 millóns de euros

Garantiría a sustentabilidade e competividade do sector pesqueiro e marisqueiro, pois dispor deste mecanismo axudaría no deseño de estratexias que preserven os ecosistemas a medio, curto e longo prazo

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

A Consellería do Mar, a través da Compra Pública de Innovación da convocatoria 2025, propón a creación dun xemelgo dixital que modele a influencia de múltiples variables ambientais e antropoxénicas sobre o ciclo de vida de diferentes especies de interese comercial residentes na Ría de Arousa. Trátase do proxecto MaruxIA, que podería ter un investimento de 3 millóns de euros, e a través do que se contribuiría a garantir a sustentabilidade e a eficiencia na xestión dos recursos naturais, pois dispor deste sistema axudará no deseño de estratexias que preserven os ecosistemas. Asemade, permitiría por en valor a biodiversidade, ao modelar e integrar estes factores e medir o seu impacto na Ría; e, por último, tecnificaría o sector primario, reforzando a competitividade e optimizando a produtividade e sostibilidade mediante a mellora de toma de decisións.

Neste senso, a iniciativa incluiría dous restos principais. O primeiro, a realización de simulacións de poboacións virtuais en tres bancos marisqueiros a partir dun stock inicial e taxas de recrutamento, crecemento e mortaldade. O obxectivo, a obtención de estimacións nestas área pois, na actualidade, os datos analízanse con modelos tradicionais, aplicados de forma illada por banco e especie. De feito, algúns dependen de descargas manuais, usan valores estáticos e omiten variables relevantes. Ademais, só proporcionan datos retrospectivos, que son insuficientes para predicións a curto e medio prazo.

En segundo lugar, o estudo da evolución dos cefalópodos e pectínedos derivada dos efectos do cambio climático, como poden ser o polbo, a sepia, a vieira ou a volandeira. Para elo, a plataforma debería incorporar unha capa de visualización que permita simular e visualizar sobre o mapa da Ría os distintos factores ambientais, de xeito que facilite anticiparse aos seus efectos e impactos a medio e longo prazo.

Resultados

Cos resultados obtidos, obteríase unha visión integrada dos factores ambientais, económicos e sociais, coñeceríase con precisión o stock de especies comerciais a curto e medio prazo, e determinaría o asesoramento a produtores e empresas para mellorar a calidade e produtividade, o acceso a mercados máis esixentes logo dunha xestión máis eficiente dos recursos, a mellora da planificación e estratexias de conservación, a optimización da investigación e, no campo da I+D+I, a creación dun ecosistema de innovación entre análise de datos, ciencia e explotación mariña, promocionando as novas tecnoloxías no sector pesqueiro e marisqueiros e mellorando a xestión ecosistémica, a través da retroalimentación entre investigación e práctica.