Nova
Villares reivindica o mar de Galicia e o seu patrimonio cultural como elementos claves na actividade económica que xera o turismo en España
Burela, 10 de abril de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este xoves na inauguración da xornada Rede de Turismo Pesqueiro de España, organizada a través da Fundación Expomar, co fin de promover e poñer en valor o patrimonio cultural e marítimo das zonas costeiras. A este respecto, o responsable autonómico reivindicou as potencialidades do litoral galego como elementos que impulsan a actividade económica que xera o turismo no noso país, ao tempo que puxo en valor os tres piares do Goberno galego para contribuír a este fin. Neste senso, citou a Estratexia da Economía Azul, o Plan da Cultura Marítima de Galicia e os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALPs); tres liñas de actuación coas que a Administración autonómica aposta pola sostitibilidade e competitividade dun sector que, Villares, cualificou de estratéxico para o Produto Interior Bruto da comunidade.
O evento, dirixido a profesionais dos sectores pesqueiro, náutico, hostaleiro e turístico, incluíu, ademais das ponencias sobre a temática indicada e un espazo de debate sobre a mesma, unha actuación musical A música do noso mar a cargo da Fundación Legar, con Xabier Blanco e Martina Ferradás, que ofreceron un repertorio inspirado na tradición mariñeira. O encontro, que rematou cunha degustación de produtos locais, e destinado a difundir a calidade dos produtos marítimo-pesqueiros que alberga a costa cantábrica e atlántica de Galicia, enmárcase na actividade que impulsa a Rede de Turismo Pesqueiro de España, proxecto financiado con fondos procedentes do programa de recuperación da Unión Europea “Next Generation”, e da que forma parte a Fundación Expomar, sendo o coordinador o Consorcio de Turismo Sostible da Costa Occidental de Huelva.