Nova
A Xunta recibe 239 solicitudes ao abeiro das axudas para investimentos produtivos e creación de empresas do sector acuícola dotadas con 65 millóns de euros
O conselleiro do Mar destacou o potencial da comunidade, referente europeo na produción de peixes planos, cun tecido de máis de 2.600 empresas cuxa facturación supera os 200 millóns e das que dependen 5.600 empregos
O responsable autonómico visitou as instalacións da factoría propiedade do grupo Sea Eight que ten proxectada a súa ampliación, co obxectivo de duplicar a súa produción de linguado ata as 900 toneladas, cun investimento que supera os 12 millóns de euros
Cambados (Pontevedra), 16 de abril de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, visitou a planta de engorde de linguado premium Aquacría Arousa, propiedade do grupo Sea Eight, no municipio pontevedrés de Cambados. Alí destacou o potencial deste sector na comunidade dado que, segundo os organismos internacionais, a acuicultura está chamada a ser un dos principais proveedores de alimentos para a poboación mundial. Así o reflexou o informe Sofia da Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) que sinalaba que no 2024 a produción acuícola superou á pesca de captura por primeira vez.
Neste contexto, a Xunta despregou novos apoios para potenciar e reforzar esta actividade a través dunha orde de axudas para investimentos produtivos, neutralidade climática, creación de empresas e servizos de asesoramento dotadas con 65 millóns de euros. Uns recursos que suscitaron un gran interese polas empresas que presentaron 239 solicitudes para a posta en marcha de novos proxectos que afonden na competitividade, capacidade de produción e sostibilidade da acuicultura galega.
O responsable autonómico destacou que Galicia é referente europeo neste ámbito cun tecido de 2.600 empresas cuxa facturación supera os 200 millóns de euros deixando unha forte pegada no ámbito do emprego con 5.600 postos de traballo. Nesta liña, subliñou que a comunidade conta cunhas condicións excepcionais para o asentamento e desenvolvemento da acuicultura. Tamén manifestou a necesidade de seguir avanzando en ámbitos como a innovación e a sostibilidade que permitan reforzar o papel deste sector como piar na consecución da soberanía alimentaria mediante o subministro de alimentos de excelente calidade.
O conselleiro do Mar aproveitou esta visita para coñecer de primeira man a actividade desta planta situada en Bico da Ran e a utilización da tecnoloxía denominada RAS (Reciculating Aquaculture System), de última xeración e desenvolvida en España, froito da aposta da compañía pola investigación e a innovación, e que é implementada en tanques en terra firme sen ningún tipo de impacto sobre o medio mariño e altamente sostible. Unhas instalacións que a empresa ten previsto ampliar a partir deste ano, con axuda dos apoios autonómicos, engadindo 7.000 m2 aos 5.000m2 edificados na actualidade nun recinto que abarca unha superficie de 38.000m2.
Esta actuación, na que a empresa agarda investir máis de 12 millóns de euros, ten como obxectivo duplicar a súa capacidade de produción das 450 toneladas actuais ata alcanzar, unha vez finalizados os traballos de construción e modernización planificados no 2027, ás 900 toneladas anuais. As novas instalacións tamén permitirán aplicar as melloras desenvolvidas tras máis de 25 anos de know-how en produción relativas a innovacións tecnolóxicas e dixitalización de procesos.