Nova

Villares defende que a futura PPC recolla as demandas do sector, tal e como marca o ‘Decálogo Estratéxico de Galicia’

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Isto pasa pola actualización do concepto de zona altamente dependente da pesca, o relevo xeracional, unha definición de pesca artesanal e un enfoque ecosistémico da actividade, a preservación do patrimonio marítimo e o fomento da economía azul

O Consello Consultivo das Augas Occidentais Austrais, creado en 2007, é un dos sete órganos establecidos pola vontade das institucións europeas para alcanzar os obxectivos da pesca sostible fixados pola Política Pesqueira Común

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este xoves na inauguración das sesións de traballo dos grupos do Consello Consultivo das Augas Occidentais Austrais, e que nesta segunda e última xornada abordan cuestións relacionadas cos efectos do cambio climático nas especies peláxicas e as pesquerías tradicionais.

Durante a súa intervención, Villares puxo en valor o Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses do sector ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), e que supón a folla de ruta de cara os retos presentes e futuros que afronta a cadea mar-industria, establecendo as prioridades de Galicia ante o proceso aberto o ano pasado pola Comisión Europea para a súa avaliación, pois defende a actualización do concepto de zona altamente dependente da pesca, a potenciación do relevo xeracional, a dotación dunha definición de pesca artesanal, a adopción dun enfoque ecosistémico da actividade, a preservación do patrimonio marítimo e o fomento da economía azul.

Trátase, segundo remarcou o responsable autonómico, dun documento que fixa obxectivos realistas, que permiten abordar os retos ambientais e enerxéticos derivados da adaptación ao cambio climático, e que establece a necesidade de mobilizar os recursos necesarios para a modernización e descarbonización da frota, sen perder de vista o novo escenario que se presenta co anuncio do Goberno de EEUU de incrementar nun 20% os aranceis europeos, xa que de aplicarse prexudicaría de forma notable ao complexo mar-industria. No período 2021-2024, Galicia alcanzou máis de 250 millóns de euros en exportacións.

Estas cuestións xa foron trasladadas ao Comisario Costas Kadis a principios deste mes, nun encontro no que participou o propio Villares e que serviu para afondar na importancia de rexionalizar a toma de decisións na PPC ou sentar as bases para aplicar o level playing fiel entendido como a protección do mercado interior europeo e como elemento esencial da soberanía alimentaria.

A finalidade, sinalou o conselleiro, ten que ser garantir a independencia de Europa de terceiros países que posúen normativas no ámbito ambiental, laboral e persecución da pesca ilegal moito máis laxas e logo introducen os seus produtos no continente xerando unha competencia desleal.

Galicia, revelou o conselleiro, segue traballando, por tanto, para que a futura PPC recolla as demandas e necesidades do sector marítimo-pesqueiro, co fin de que se adapte á súa realidade, e faino dende a cogobernanza e a colaboración coa xente que vive e quere seguir vivindo do mar.

Consello Consultivo das Augas Occidentais Austrais

Este ente reúne a todos os actores que teñen un interese na xestión da pesca para promover á Comisión Europea e aos Estados membros ditames sobre a xestión da actividade pesqueira no Atlántico Sur. É un dos sete Consellos Consultivos establecidos pola vontade das institucións europeas para fomentar a participación das partes interesadas no alcance dos obxectivos da pesca sostible fixados polo Política Pesqueira Común, integrando un enfoque ecosistémico e baseándose no principio de precaución.

Creado en 2007, conforme á decisión do Consello do 19 de xullo de 2004, cubre a zona atlántica que vai da punta de Bretaña ao Norte, ata o estreito de Xibraltar ao Sur, así como as rexións ultraperiféricas de Madeira, Azores e as Illas Canarias.

É o Consello Consultivo con máis membros asociados (máis de 80), procedentes de España, Francia e Portugal. Destes, un 60% son representantes do sector (pescadores, armadores, organizacións de produtores e de mercados ou transformadores). O 40% restante procede da sociedade civil (acuicultura, asociacións de consumidores, defensa do medio ambiente e pesca non profesional, entre outros).

Imaxes relacionadas