Nova
A Xunta de Galicia inviste 60.000 euros na renovación das luminarias de Sada con tecnoloxía led de alta prestación e software de telecontrol
As obras iniciáronse hoxe e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto cun aforro enerxético estimado do 60%
Sada (A Coruña), 24 de abril de 2025
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 60.000 nas obras de renovación das luminarias do porto de Sada por tecnoloxía led de alta prestación e control telemático. As obras deron comezo esta mañá e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto, reducindo o consumo enerxético.
Esta actuación inicia a fase de execución dun plan global para unha trintena de dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste 3 millóns de euros para dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable ao sistema portuario autonómico. En concreto no porto de Sada, estase a actuar sobre 81 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión.
O obxectivo principal destes traballos de modernización é reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto das luminarias. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.
Con este obxectivo, implantarase tecnoloxía LED con equipos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa durabilidade en ambientes mariños e condicións climáticas adversas. Ademais, incrementarase a protección contra sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol de iluminación.