Nova
Gardacostas comisa máis de 2.000 cacharros de polbo entre cabo Silleiro e A Guarda con 377 quilos desta especie
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025
O servizo de Gardacostas de Galicia continúa realizando tarefas de vixilancia contra o furtivismo e o calado de artes prohibidas na costa galega. Como resultado destes traballos, no día de onte levouse a cabo unha operación de comisos de gran envergadura entre cabo Silleiro e A Guarda na que o servizo autonómico tivo que mobilizar catro embarcacións: a Mar de Galicia, Punta Roncadoira, Valentín Paz de Andrade e Irmáns García Nodal. O resultado do operativo foi a incautación de 2.073 cacharros de polbo, 8 pezas de trasmallo non identificadas e 377 quilos de polbo, dos cales 28 eran femias ovadas. Os axentes non puideron identificar aos autores desta infracción e todo o produto foi devolto ao mar.
Desde a Consellería do Mar continúase traballando na detección destes aparellos irregulares e na súa retirada que poñen en risco a conservación deste prezado produto pesqueiro. Compre recordar que Galicia atópase no mes de parada biolóxica do polbo, que precederá a dous meses máis de veda co fin de que se preserve o recurso. Así, a través dos medios marítimos adscritos ao servizo de Gardacostas seguen a realizarse rastrexados por todo litoral na procura de artes de pesca non autorizados, que incumpren a normativa vixente e que non respectan os períodos de descanso establecidos para a explotación sostible dos recursos mariños.