Nova

A rexionalización da xestión pesqueira e o level playing field, principais retos de Galicia nas institucións europeas

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

No marco deste compromiso, Villares puxo en valor o carácter proactivo e innovador da Xunta, impulsando o Bono Peixe que, cun investimento de 2,5 M€, permitirá a mobilización de alomenos 10 M€ e un aforro dun 25% na compra de 50.000 galegos

A Consellería acode a este evento de referencia no sector marítimo-pesqueiro da cornixa Cantábrica e do norte Portugal cun stand de 200 metros cadrados, no que promociona e pon en valor a excelencia dos produtos do noso litoral

Burela, 7 de maio de 2025

A rexionalización e a descentralización da xestión pesqueira co fin de garantir a participación das administracións das rexións altamente dependentes da pesca no proceso de toma de decisións e o level playing field, entendido como a protección do mercado interior europeo como elemento esencial para reforzar unha seguridade e soberanía alimentaria, que sitúa a proteína azul no centro, serán os principais eixos de actuación polos que pelexará Galicia nas institucións europeas. Así o trasladou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na inauguración da 20ª Feira Expomar, que estes días se desenvolve en Burela, e no que se abordarán temas como a sustentabilidade das distintas pesqueiras e a importancia do consumo de peixe para a saúde.

Precisamente, no marco deste compromiso, Villares destacou o carácter proactivo e innovador da Xunta, impulsando o Bono Peixe, que afonda nas políticas de promoción que se veñen desenvolvendo dende a Administración autonómica e que o pasado ano permitiron que o consumo per cápita medrara nun 6%, ata os 25 Kg, un 38% máis respecto ao conxunto de España. A esta iniciativa, o Goberno galego destinará 2,5 M€ co que, como mínimo, se mobilizarán uns 10 M€ mediante o aforro dun 25% na compra de 50.000 galegos.

Feira consolidada

Dende o día 7 ao 10 de maio, Burela acolle a 20ª edición desta feira, organizada pola Fundación Expomar, en colaboración coa Consellería do Mar que, un ano máis, co-financia este encontro considerado un referente do mundo da pesca en toda a cornixa cantábrica e no norte de Portugal. Como feira profesional do sector, representa unha plataforma de comunicación entra a administración, os empresarios do mar e os profesionais que traballan nel.

O departamento que dirixe Villares acude a este evento de referencia cun stand de 200 metros cadrados, no que ofrece información de diferentes campañas de promoción dos produtos pesqueiros. Desenvólvese na nave de redes do porto de Burela e conta cun espazo expositivo de 5.000 metros cadrados, onde se dan cita máis de 65 expositores e 400 marcas procedentes de diversos países. A iniciativa tamén inclúe as XXXII Xornadas Técnicas e o XXVI Encontro Empresarial, que reúnen cada ano a profesionais e entidades do sector pesqueiro para debater sobre os retos e oportunidades do sector.

Unha das principais novidades desta edición será a mellora e renovación da nave de redes do porto, que acolle a feira tras os traballos de acondicionamento realizados pola Confraría de Pescadores de Burela e Portos de Galicia. Esta renovación permite ofrecer un espazo máis moderno e adaptado ás necesidades do evento.

Expomar 2025 promete ser unha edición destacada, mantendo a súa aposta pola innovación, a sustentabilidade e a promoción do sector pesqueiro e náutico. Profesionais e visitantes coñecerán as últimas novidades do sector e poderán establecer novas relacións comerciais e participar en actividades que poñen en valor a cultura mariñeira de Burela e da Mariña lucense.

Imaxes relacionadas