Nova
A campaña GALICIA SABE AMAR divulga entre os alumnos do CEIP María Barbeito o mellor sabor das rías galegas e os beneficios que hai detrás do seu consumo
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou a foodtruck que recibiu aos estudantes deste centro educativo ao longo da mañá
A Coruña, 8 de maio de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitou, o CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño dentro da campaña GALICIA SABE AMAR, impulsada pola Consellería do Mar, que continúa levando o mellor sabor das rías galegas a través de foodtrucks aos escolares da comunidade. Este colexio no que cursan os seus estudos 602 alumnos, 175 de educación infantil e 427 de educación primaria.
Na visita a delegada da Xunta puxo en valor a importancia de promover o consumo entre a xente máis nova nun contexto de progresivo descenso da presenza destes alimentos na cesta da compra da cidadanía. Nesta liña, subliñou os múltiples beneficios para a saúde que supón a inclusión do peixe e marisco no marco dunha dieta equilibrada pola súa riqueza nutritiva.
A representante do Goberno autonómico subliñou a importancia de que a cidadanía teña bos hábitos alimenticios. Nesta liña, resaltou a necesidade de reverter a tendencia de descenso de consumo de peixe e marisco dos últimos anos xa que son alimentos que contan con propiedades nutritivas excepcionais, como os ácidos graxos Omega 3 e practicamente todos os minerais precisos para unha alimentación completa e saudable.
A delegada destacou de esta iniciativa que, ademais de fomentar o consumo dos produtos pesqueiros na cesta da compra dos galegos, tamén contribúe a divulgar a súa excelente calidade, reforzando á vez a un sector estratéxico para a economía galega que representa preto do 5% do PIB e do que dependen ao redor de 50.000 empregos. Unha liña de traballo na que se afonda nos Orzamentos do 2025 mobilizando máis de 20 millóns de euros, un 75% máis que no 2023, para campañas de promoción, a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros e acuícolas e ao estudo de patróns e tendencias de consumos.