Nova

Mar contribúe á recuperación e conservación dos hábitats mariños da Confraría de Carreira e Aguiño coa semente de 1,5 millóns de unidades de ameixa babosa

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Previamente procedeuse a retirada de depredadores deste molusco e arado do fondo, co fin de favorecer a sustentabilidade e a produtividade destes bancos marisqueiros, así como a súa actividade pesqueira

Esta actuación súmase a outras previstas para este exercicio, así como ás levadas nos dous últimos anos nas infraestruturas portuarias da zona, dotadas dun esforzo inversor que ronda o millón de euros

Ribeira (A Coruña), 8 de maio de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da delegada da Xunta, Belén do Campo, e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou este xoves nos traballos de semente de 1,5 millóns de unidades de ameixa babosa que a Administración autonómica pon a disposición da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, co fin de contribuír á recuperación e conservación dos hábitats mariños e costeiros desta zona. En total, a sementeira realizarase nos bancos marisqueiros Praia do Castro e O Carreiro, que suman una superficie de 29.536 metros cadrados.

A acción consistiu na solta de semente de ameixa babosa de posta inducida (criadeiro) en distas áreas, cunha talla media de 18 a 20 milímetros. Esta tarefa incluíu como paso previo a retirada de depredadores deste molusco e arado do fondo, co fin de favorecer a sustentabilidade e a produtividade destes bancos marisqueiros, así como a súa actividade pesqueira.

Trátase, segundo detallou o conselleiro, de conservar a biodiversidade, garantindo a supervivencia a longo prazo da especie obxecto deste proxecto; a sostibilidade da actividade marisqueira, aumentando a densidade de xuvenís nas zonas de explotación para establecer poboacións autosostibles; mellorar a calidade ambiental; e promover a xestión responsable, a través do fomento de prácticas marisqueiras sostibles.

En 2024 os buques con porto base en Aguiño venderon 1.019.415 quilos, o que xerou un valor de negocio no mercado de preto de 2,3 millóns de euros.

Outras actuacións

Esta actuación, que conta cunha achega do departamento que dirixe Villares de 30.000 euros, súmase a outras levadas a cabo na contorna nos últimos dous anos por un importe que ronda o millón de euros. É o caso da cuberta do edificio de dita Confraría, da mellora da mobilidade e accesibilidade do Porto de Palmeira, o mantemento da nave de redes ou a reposición e reforzo de pavimento do porto de Ribeira previsto para o exercicio en curso.

Imaxes relacionadas