Nova

A Xunta respalda ao sector marítimo-pesqueiro ante o atropelo das 87 vedas á pesca de fondo e na PPC do futuro

1 de 2
2 de 2

Destaca que, mentres o Goberno galego ten un claro compromiso coa soberanía alimentaria e impulsa ambiciosas medidas como o Bono Peixe, o Executivo central segue sen baixar o IVE aos produtos do mar

Previamente ao acto de peche, Villares asistiu ao ronqueo dun gran exemplar de peixe espada de máis de 100 quilos, realizado por Interfish-España 

Burela (Lugo), 10 de maio de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este sábado na clausura da 20 edición da Feira Expomar de Burela onde tendeu a man do Goberno galego ao sector nos retos que debe afrontar, e que, en palabras do propio Villares, xiran en torno á esperada resposta do Tribunal Xeral da UE á demanda xudicial presentada pola OPP desta localidade, tralo atropelo provocado polas 87 vedas á pesca de fondo, e á ansiada reforma da Política Pesqueira Común, á que Galicia lle deu forma a través do Decálogo Estratéxico de Galicia, deseñado  conxuntamente coa xente do mar.

O obxectivo, segundo apuntou, é seguir traballando a nivel autonómico na propia soberanía alimentaria de Galicia, que pasa por ser capaces de fomentar un bo consumo dos produtos galegos, pois a realidade é que nos fogares españois nunca se consumiu tan pouco, uns 18 quilos por persoa e ano, cantidade que en Galicia sobe aos 25. Por este motivo, o titular de Mar apelou á colaboración institucional e á responsabilidade de todas as administracións como ferramentas para reverter a situación. Neste senso, lamentou que o Executivo central continúe sen baixar o IVE a estes produtos e non active medidas como fixo recentemente a Xunta co Bono Peixe, dotado con 2,5 millóns de euros e que terá un impacto directo en 50.000 galegos.

Villares felicitou á Fundación Expomar pola organización deste evento que converteu a Burela, durante tres días, na luz do presente e no faro do futuro da cadea mar-industria. Este municipio alberga un dos portos pesqueiros de referencia en Galicia e unha das lonxas máis relevantes do país. Así o testemuñan as súas cifras. Só en primeira venda, no que vai de século, movéronse 1.350 M€ e comercializáronse 482 millóns de quilos de peixe e marisco fresco, sendo os protagonistas a pescada e o bonito do norte. Asemade, e tras pechar o exercicio pasado poxando preto de 12 millóns de quilos, a lonxa xa supera no que vai de ano os 18 M€ pola venda de 4 millóns de quilos.

Ronqueo dun peixe espada

Previamente ao acto de clausura, Villares asistiu ao ronqueo dun gran exemplar de peixe espada de mais de 100 quilos de peso, a cargo de Interfish España coa asistencia dos expertos da empresa Matrice Tuna, que explicaron o arte do despece cunha técnica que combina a destreza, o respecto polo produto e o compromiso coa sostibilidade.

Interfish España é a única Organización Interprofesional Pesqueira na que participan empresas da comercialización, a industria e a produción pesqueira para a representación e defensa da tintorera, peixe espada e marraxo. A produción total das tres especies en 2023 foi de 42.000 toneladas. Ten a día de hoxe o 99% de representatividade a nivel nacional da pesqueira de palangre de superficie.

Agrupa os intereses dos seus cinco socios. Catro da rama de produción (OPP-7 Burela, OPP-8 Opromar, OPP-49 Orpagu e OPP-88 Opnapa) e un da rama da transformación e comercialización (Conxemar). A Consellería do Mar asinou diversos convenios de colaboración con esta entidade nos últimos anos, co obxectivo de promocionar os produtos pesqueiros e mellorar a comercialización daquelas especies recoñecidas a esta Organización, por un importe que supera os 400.000 euros.

 

Imaxes relacionadas