Nova
Galicia aposta pola internacionalización como instrumento para optimizar a competitividade da cadea mar-industria
Ante o escenario arancelario actual, o conselleiro destaca a anticipación da Xunta para que as empresas galegas teñan o menor impacto posible da aplicación destas taxas
A nova liña de préstamos de circulante de ata 1M€, a creación dunha oficina con servizos especializados, ou o relanzamento da marca Galicia, son algunhas das medidas impulsadas con tal fin polo Goberno autonómico
O Programa Competemar 2025, financiado por Mar, dota ás empresas do sector de coñecementos e ferramentas estratéxicas clave para facilitar o seu acceso a mercados internacionais de alto potencial como EEUU ou os Emiratos Árabes
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
A internacionalización como instrumento que permitirá optimizar a competitividade das empresas da cadea mar-industria, aproveitando as oportunidades de crecente integración de mercados é para o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, é un dos retos nos que afondar dende o eido público-privado. Así o expuxo durante a inauguración do Programa Competemar 2025, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e financiado polo Goberno galego, a través do departamento que dirixe Villares.
A este respecto, o responsable autonómico considera un acerto a temática da iniciativa, pois Estados Unidos representa un mercado prioritario para o sector da conserva e os produtos pesqueiros. Proba delo, é que no 2024, España aportou a este mercado 26.032 toneladas de produtos do mar, xerando un valor de 300 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 14% en volume e un 11% en valor respecto ao exercicio anterior. No que atinxe á comunidade, exportáronse máis de 8.700 toneladas valoradas en case 79 millóns de euros.
Co novo escenario arancelario, estes produtos poden estar suxeitos a un imposto do 20% e outros que xa soportaban estas taxas poderían verse incrementadas. Por tanto, aplicar a suba de aranceis prevista suporía un gravame duns 60 millóns de euros, resultante de fixar ese 20% aos 300 millóns de euros facturados pola industria española o mar o ano pasado. É por elo que, para mitigar o impacto que poidan ter estas taxas nas empresas galegas, tal e como subraiou o conselleiro, a Xunta vai poñer unha en marcha unha serie de medidas como a creación dunha nova liña de préstamos de circulante de ata 1 M€, ampliable, e con catro anos de carencia –o dobre que o habitual-; a posta en marcha dunha oficina con servizos especializados dependente da Oficina Económica de Galicia e en contacto coa do Igape en Miami; a organización de seminarios por cada un dos sectores máis afectados para traballar nas oportunidades que ofrece o Real Decreto Lei aprobado polo Consello de Ministros; o traballo paralelo co tecido produtivo na diversificación de mercados e nas medidas posibles en canto á rebaixa ou recualificación de produtos para reducir o impacto dos aranceis; ou o relanzamento da marca Galicia e as campañas que potencien a calidade e a excepcionalidade dos produtos pesqueiros galegos.
Estratexias para o sector
Programa Competemar 2025 é unha acción formativa que dispón de 30 prazas. As empresas interesadas poden optar a dous tipos de apoio a través desta convocatoria: a modalidade Empresa Excelente, que cobre a participación nun curso formativo, así como o acceso ao servizo de apoio e intelixencia de mercados enfocado en EEUU e Emiratos Árabes Unidos e, en segundo lugar, a selección de 10 Empresas Élite que accederán ao servizo de coaching personalizado e a axudas para participar en misións comerciais. Para acceder a esta modalidade, as entidades deberán demostrar un alto potencial de internacionalización, ter un encaixe adecuado no mercado de destino, e ter aproveitado de maneira efectiva o curso formativo en Comercio Internacional.
Distribúese nas seguintes etapas: formación especializada en comercio internacional, mentoring especializado para a internacionalización, prospección e información de mercados e misións comerciais directas aos mercados clave de EEUU e Emiratos Árabes Unidos. Estas accións complementaranse co desenvolvemento do Taste the Sea, un evento gastronómico único que se celebrará en EEUU en 2025, co obxectivo de promocionar os produtos do mar galegos entre compradores e prescritores internacionais.
Este é o segundo ano que a Consellería do Mar colabora con Clusaga. As achegas realizadas por este departamento da Xunta ao ente alimentario nos anos 2024 e 2025 rondas os 250.000 euros.