Nova

Galicia lidera a promoción de produtos pesqueiros nos mercados internacionais e incentiva o consumo con campañas e o lanzamento do Bono peixe

1 de 2
2 de 2

O Goberno galego destina este ano máis de 20 millóns de euros a accións de posta en valor dos produtos da pesca e da acuicultura da man de entidades do sector e co foco en realzar o seu  valor nutricional  

A directora xeral destacou que o consumo de produtos pesqueiros en Galicia está un 38% por riba da media estatal grazas a accións como a campaña GALICIA SABE AMAR que será reforzada co lanzamento este ano do Bono Peixe dotado con 2,5 M€

Patricia García contrapuxo a xestión da Xunta coa do Goberno central que non rebaixa o IVE ao peixe e marisco e limita a presenza destes alimentos nos comedores escolares en contra do criterio de organizacións como a OMS ou Aesan

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, compareceu hoxe na Comisión 8 do Parlamento para dar conta do balance das accións de promoción dos produtos pesqueiros levadas a cabo no ano 2024 así como explicar as iniciativas previstas para o 2025. Alí destacou o liderado de Galicia no desenvolvemento de accións encamiñadas a fomentar o consumo de peixe e marisco así como a potenciar a internacionalización da cadea mar-industria da comunidade que aporta o 52% do valor do total das exportacións españolas destes alimentos cunha facturación de case 2.800 millóns de euros.

A directora xeral puxo en valor o traballo do Goberno galego, xunto co propio sector, nesta tarefa na que este ano esta previsto mobilizar máis de 20 millóns de euros. Deste xeito foron asinados convenios con entidades como a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, interfish, Conxemar, Anfaco-Cecopesca, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), ARVI ou a Fundación Nova Pescanova entre outros. Estes acordos permitiron a realización de iniciativas como o II Foro Galicia Sostibilidade Global dos Produtos do Mar, a feira Conxemar, referente a nivel europeo, a participación de Galicia en máis de 25 feiras de carácter nacional e internacional e prestar apoio en máis de 90 eventos ou actividades de promoción dos produtos do mar.

Patricia García subliñou que esta é unha das prioridades da Xunta dado o contexto actual no que, segundo o informe de consumo alimentario do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o consumo destes alimentos decreceu nun 16,5% desde o ano 2019 deixando o consumo per cápita en 18,56 quilos fronte os máis de 23 quilos de Galicia no 2023. Como exemplo deste compromiso nomeou a campaña de GALICIA SABE AMAR, activa desde o 2021, que no 2023 incorporou foodtrucks que permitiron afondar na promoción dos produtos pesqueiros galegos por todo o territorio da comunidade, visitando máis de 250 municipios vinculados co Camiño de Santiago ademais de visitar centros escolares e citas deportivas. 

Unha liña de traballo que será reforzada este ano co lanzamento do Bono Peixe dotado con 2,5 millóns de euros que será despregado mediante bonos de 50 euros que se irán liberando progresivamente a razón de 5 euros por semana, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas e que suporá un desconto do 25% por cada 10 euros de compra. Un medida que contrasta coa reiterada negativa do Goberno central a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros, no 10% na actualidade, moi por riba doutros países da Unión Europea como Portugal que eliminou este imposto nas principais especies, Luxemburgo (3%), Alemaña (5%) ou Francia (5,5%).

Alimentos saudables 

A directora xeral resaltou o impacto destas medidas no benestar da cidadanía xa que os produtos do mar conteñen nutrientes indispensables como proteínas, vitamina D e ácidos graxos do tipo Omega 3 que ofrecen importantes beneficios para a saúde. Así, a Organización Mundial da Saúde (OMS) o a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), dependente do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, recomendan un mínimo de tres racións semanais de peixe e marisco. Unhas recomendacións que incumpre o Real Decreto aprobado polo Goberno central o pasado 22 de abril que limita o consumo de peixe nos comedores escolares de unha a tres racións semanais. 

Imaxes relacionadas