Nova

A Xunta inviste 100.000 euros na renovación dos pavimentos esgotados nos portos de Campelo e Combarro, no municipio de Poio

1 de 2
2 de 2

As obras que se executan nesta semana permitirán dotar de novos firmes as explanadas e viarios de ambas dársenas e repintar a sinalización horizontal

Portos de Galicia e o Concello acordaron a proposta para reverter ao Estado os terreos innecesarios para a actividade portuaria en Combarro

Poio (Pontevedra), 14 de maio de 2025

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 100.000 na renovación de pavimentos esgotados nos portos de Campelo e Combarro, no municipio pontevedrés de Poio. As obras atópanse en execución esta semana e permitirán dotar de novos firmes as explanadas e os viarios que presentaban necesidades en ambos portos, así como repintar a sinalización horizontal. 

Esta actuación inicia a fase de execución dun plan global para 26 dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste 1,6 millóns de euros para substituír e reforzar os pavimentos esgotados. No marco deste plan executaranse obras que inclúen a dotación de novas capas de firmes de reforzo, a reposición naquelas zonas nas que o pavimento fora esgotado  e a reposición de firmes de formigón armado, ademais de labores de saneo de explanadas. 

Como complemento destas actuacións, atenderase tamén a deixar a cota os pozos, arquetas e sumidoiros existentes e pintarase nova sinalización horizontal. Deste xeito, Portos de Galicia prevé mellorar a seguridade viaria de condutores e peón que transitan pola zona.

En concreto, no municipio de Poio actúase no porto de Combarro, no que se están a renovar os firmes na contorna do peirao e avenida Francisco Regalado, repoñer a capa de rodadura, sanear a explanada e repoñer as marcas viais. Así mesmo faranse obras en Campelo para renovar os firmes do acceso ao porto, zona de aparcadoiro e viais laterais. Tamén se reporá a capa de rodadura e repintaranse as marcas viais. 

Reversión da praza da Chousa

Por outra banda, Portos de Galicia acordou con Concello de Poio a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no porto de Combarro. En concreto, acordouse propoñer a devolución ao Estado da praza da Chousa e a zona axardinada na fronte marítima a fin de que a Administración Xeral poida transferila ao Concello de Poio, dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria.

Este acordo enmárcase na segunda fase do procedemento de reversións que está a impulsar Portos de Galicia, logo de que a Xunta teña trasladado xa ao Estado a proposta de reversión de terreos portuarios con escasa actividade en nove municipios rematando así cos trámites de competencia autonómica nos municipios incluídos na primeira fase. Este procedemento replicarase agora cos da segunda, téndose consensuadas xa as propostas cos Concellos de Vilagarcía, Rianxo, Laxe, A Illa e Poio. 

Imaxes relacionadas