Nova
Villares destaca o potencial da acuicultura de moluscos, sector no que Galicia é líder entre todas as rexións europeas
Os últimos datos revelan que a comunidade produciu 748 toneladas deste bivalvo que supuxeron unha facturación de máis de 9M€
Neste compromiso de que a pesa e a acuicultura continúen sendo referentes, o conselleiro avoga pola colaboración da cadea mar-industria, a Administración e os organismos científicos
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de maio de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou este venres na xornada sobre Innovación e sustentabilidade no cultivo do mexillón: claves para o futuro so sector, organizada pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) o potencial da acuicultura de moluscos, sector no que a comunidade é líder entre todas as rexións europeas.
Segundo datos da FAO, España foi no ano 2024 o terceiro maior produtor mundial de mexillón, despois de China e Chile, contribuíndo co 44,6% da produción europea e o 10% da global. Neste escenario, Galicia produciu unha máis de 748 toneladas e facturou máis de 9 millóns de euros, sendo o 73% da produción destinada a fresco e o restante á industria. Estes datos revelan, segundo puxo en valor Villares, que o litoral galego é un enclave privilexiado, no que as Rías Baixas son a principal área de cultivo, e que pouco a pouco van recuperando os índices produtores que se viron mermados no 2023 debido ás altas temperaturas da auga e por un outono de temporais e choivas que afectaron á salinidade, ocasionado unha masiva mortaldade nos bivalvos.
A investigación como acción primordial
Enmarcado no compromiso de que a pesca e a acuicultura continúen sendo prioritarios e predominantes no litoral e libres de inxerencias externas, o conselleiro avoga pola colaboración entre a cadea mar-industria, a Administración e os organismos. Neste senso, lembrou o extraordinario labor que desenvolven o centros investigadores dependentes da Consellería do Mar -CIMA, Intecmar e Cetmar-, que permitiron poñer en marcha proxectos como Apromex, destinado a coñecer as poboacións de mexilla no intermareal rochoso e a súa explotación, avaliar os sistemas de captación de semente e desenvolver novos sistemas de produción en condicións controladas de criadeiro. Outro exemplo desta colaboración é a plataforma web presentada a semana pasada, e que permite visualizar os datos de análise larvario do mexillón. Estas e outras accións son as que levan ao departamento que dirixe Villares a investir ata 2026 máis de 1,2 millóns de euros.
A sostibilidade do mexillón a debate
A xornada reuniu en Vilanova de Arousa a expertos en investigación mariña, tecnoloxía alimentaria e economía azul, que analizaron a sostibilidade no cultivo deste bivalvo. Para elo, o programa incluíu mesas de debate, un diálogo institucional, un recoñecemento ao traballo bateeiro e unha degustación final de mexillón de Opmega.