Nova

Publicada no DOG a orde para seleccionar a entidade colaboradora na xestión do Bono Peixe

As firmas interesadas teñen 5 días naturais para formalizar a solicitude e a Consellería 15 para a selección e notificación, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación

A través desta ambiciosa medida anunciada polo presidente da Xunta, o Goberno galego destina 2,5M e pretende chegar a 50.000 potenciais beneficiarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a Orde a través da cal a Consellería do Mar seleccionará a entidade colaboradora na xestión do programa Bono Peixe, destinado á dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas. Deste xeito, o Goberno galego avanza na tramitación desta ambiciosa iniciativa, que foi presentada polo presidente da Xunta, e que está dotada con 2,5 millóns de euros.

As firmas teñen agora un prazo de 5 días naturais para formalizar a solicitude. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación das peticións, co cal en 20 dias naturais, como máximo, o proceso de selección quedará resolto.

A entidade seleccionada deberá poñer en funcionamento a plataforma na que operará o Bono Peixe que, unha vez desenvolvida, permitirá proceder a aprobar e convocar dito programa de incentivo do consumo de produtos pesqueiros frescos. Será a encargada de entregar e distribuír as axudas mediante aplicacións informáticas máis idóneas para a posta en marcha, a eficaz execución e o seguimento do programa. Unha operativa que debe permitir o seguimento, control e trazabilidade da emisión dos bonos, o seu troco nos comercios adheridos, e pagamento dos mesmos.

O Bono Peixe ten como obxectivo promocionar o consumo de produtos do mar frescos entre a poboación. Consiste en axudas de 50€, que se irán liberando progresivamente a razón de 5 euros por semana, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas. A previsión é que estean dispoñibles ao longo do mes de xullo e que alcance a 50.000 potenciais usuarios xerando un impacto económico de, polo menos, 10 millóns de euros.