Nova
A Xunta colabora coa asociación ‘Os Patexerios’ na elaboración da peza audiovisual 'Mulleres ao son do mar’ sobre o papel feminino no sector da pesca
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro situou a Carpintería de Ribeira como unha das expresións máis singulares do patrimonio marítimo galego caracterizada pola combinación de sabedoría técnica e a sustentabilidade
A proxección, que coincidiu coa celebración do ‘Día Internacional da Muller no Sector Marítimo’, forma parte do proxecto ‘Ecomuseo a flote’ beneficiario dos apoios das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo
Sada (A Coruña), 18 de maio de 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, asistiu hoxe á presentación da peza audiovisual Mulleres ao son do mar , na Casa da Cultura Pintor Llorens no municipio coruñés de Sada na que profesionais de diversos ámbitos contan as súas experiencias. O obxectivo é dar visibilidade á participación feminina no sector pesqueiro. Unha iniciativa na que colabora a Consellería do Mar no marco do proxecto Ecomuseo a flote, adicado ás embarcacións tradicionais en Sada, que está a desenvolver a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros ao abeiro dos apoios vencellados ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo en cuxa tramitación colabora o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Golfo Árabro Sur.
A directora xeral resaltou que esta acción pon en valor a gran aportación da xente do mar ao o noso patrimonio cultural e a importancia do papel da muller. Así, sinalou que Carpintería de Ribeira representa a excelencia dun oficio que, xeración tras xeración, soubo combinar sabedoría técnica, respecto polo medio e compromiso coa sustentabilidade. Por outra banda, e con motivo da celebración do Día Internacional da Muller no Sector do Mar, manifestou o compromiso da Xunta de potenciar a presenza feminina nun sector tradicionalmente masculinizado. Nesta liña lovou a peza proxectada, elaborada por mulleres, que demostra a súa forza e capacidade para contar o mundo desde outra mirada.
Marta Villaverde destacou o labor de entidades como a Asociación cultural Mariñeira Os Patexeiros de Sada que, a través das accións que desenvolve, mostra o seu compromiso coa protección do noso patrimonio marítimo e no recoñecemento da contribución da muller no noso sector marítimo- pesqueiro, historicamente invisibilizado, e cunha pegada innegable nesta actividade.