Nova
A Xunta destina 65 M€ ao impulso dun modelo acuícola galego competitivo e respectuoso co medio
O conselleiro reivindica que a UE debe favorecer a este sector, no marco do Pacto Verde Europeo, cuxa actividade é estratéxica para a economía da comunidade
Galicia conta con 2.600 empresas e explotacións vinculadas a este réxime que, en 2024, facturaron 247 millóns de euros
O Ifevi será a sede deste encontro, considerado o único de España e o segundo máis grande de Europa
Vigo, 20 de maio de 2025
A Xunta de Galicia aposta por un modelo acuícola competitivo e respectuoso co medio. E, para tal fin, a Consellería do Mar destina a este sector axudas por valor de 65 millóns de euros. Así o puxo en valor o dirixente deste departamento, Alfonso Villares, na inauguración do III Salón Internacional da Industria Acuícola (Aquafuture Spain), que terá lugar nas instalacións do Ifevi entre o 20 e o 22 de maio.
Galicia é a principal rexión pesqueira de España e de Europa tanto na pesca extractiva como no ámbito da acuicultura, na que o mexillón é o gran protagonista, xunto a outras especies como son os peixes planos, nos que o rodaballo e o linguado se sitúan á cabeza. No 2024 o sector mellorou a facturación en máis dun 6% superando os 247 millóns de euros, un dato que reforza o papel desta actividade como fonte fundamental de proteína alimenticia de calidade, e que supón unha oportunidade que debe ser aproveitada para seguir xerando riqueza e emprego neste eido.
A acuicultura é presente e futuro, e é clave na economía azul no senso de asegurar o subministro alimentario e preservar os ecosistemas mariños. Un potencial que se traduce nun sector no que traballan 5.600 persoas en 2.600 empresas e explotacións. E para elo, segundo defendeu Villares, a colaboración público-privada é fundamental. Así o ten manifestado xa o Goberno galego no marco do proceso de revisión da Política Pesqueira Común. A este respecto, o conselleiro aproveitou a ocasión para volver a reivindicar que a UE debe favorecer, no marco do Pacto Verde Europeo, o marisqueo, a miticultura e a piscicultura como actividades estratéxicas para a economía galega.
Máis de 200 expositores e 26 países
O III Aguafuture Spain é o maior encontro tecnolóxico, formativo, divulgativo e comercial do sector da acuicultura no sur de Europa, o único salón do ramo en España e o segundo máis grande de toda a xeografía europea. Nel están representados todos os elos do sector no seu conxunto: a acuicultura mariña e continental, pasando polo cultivo de moluscos e abordando novos retos como o cultivo de algas.
Durante tres días abordaranse asuntos de actualidade para o sector como a implementación da Directiva de Informes de Sustentabilidade Corporativa, a tecnoloxía e intelixencia artificial aplicadas á comercialización e á produción, a innovación circular, as futuras tendencias alimentarias, as proteínas alternativas ou a internacionalización.
Cun impacto económico anual das feiras duns 13.000 millóns de euros, unha achega de 6.500 millóns ao PIB e a xeración de máis de 123.000 empregos directos e indirectos, España é un dos países con maior actividade feiral en Europa. Neste contexto, na terceira edición deste evento, daranse cita máis de 210 expositores chegados de 26 países, destacando unha nutrida delegación de China e de países emerxentes como Arabia Saudita ou Exipto, o que supón un 40% máis de participación que na edición anterior e un aumento do 35% en expositores internacionais.
A Consellería do Mar, ao abeiro do seu compromiso coa cadea mar-industria da comunidade, volve, por terceiro ano consecutivo a apoiar así a celebración deste evento. A achega da Xunta nestas tres edicións supera os 157.400 euros.