Nova
Rueda destaca o impulso ao Máster Plan Coruña Marítima como símbolo de colaboración institucional e dunha Galicia transformadora
Subliña que se trata dun proxecto chamado a construír un novo modelo de cidade, integrando novos usos urbanos, dinamización económica, mellora da calidade de vida e maior apertura ao mar
Pon en valor a cooperación institucional entre Xunta, Concello da Coruña, Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e Autoridade Portuaria da Coruña
A Coruña, 20 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe o impulso dado ao Máster Plan Coruña Marítima como símbolo de colaboración institucional e dunha Galicia transformadora.
Despois da súa participación hoxe na sesión extraordinaria do Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña, onde se aprobou a licitación do Máster Plan Coruña Marítima, un proxecto estratéxico que marca un punto de inflexión para a transformación urbana e portuaria da cidade, o titular do Goberno galego destacou que hai que aproveitar as oportunidades de construír unha Coruña “ben planificada e coa participación de todos”.
Trátase así dun proxecto que vai máis alá da reordenación do espazo portuario, pois entre os seus obxectivos salientan a integración de usos urbanos, a dinamización económica, a mellora da calidade de vida e a apertura da cidade cara ao mar, tanto física como simbolicamente.
Segundo trasladou Rueda, este paso representa o resultado dun proceso constante, rigoroso e coordinado iniciado coa sinatura do Protocolo Coruña Marítima o ano pasado, e que agora comeza a materializarse coa posta en marcha do concurso para a redacción do Plan Director. Un “proceso longo” que está por enriba de “cores políticas” e que conta cun amplo “consenso institucional” que debe manterse no tempo.
Así, o presidente puxo en valor a cooperación institucional entre a Xunta, o Concello da Coruña, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria da Coruña, destacando que esta última xoga un papel clave como promotora e facilitadora do proceso, ademais de garantir o funcionamento dun porto esencial para o noroeste peninsular. Neste sentido, o titular do Goberno galego afirmou que agarda poder ver “un resultado magnífico” grazas aos esforzos económicos “de todos”.