Nova

O presidente de Portos de Galicia e o alcalde de Ponteceso afondan na actuación prevista para a remodelación do vial de acceso ao porto de Corme

1 de 1

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, para abordar temas portuarios de interese para o municipio. 

No encontro, celebrado na sede do ente público en Santiago, ambos mandatarios afondaron no proxecto que impulsarán en común para a remodelación do vial de acceso ao porto de Corme. Trátase dunha actuación que estará cofinanciada por ambas administracións. O orzamento previsto é de 800.000 euros, dos que 600.000 corresponderán a Portos de Galicia, mentres que o Concello de Ponteceso achegará os 200.000 euros restantes. 

A actuación basearase nun proxecto aportado polo Concello de Ponteceso que avanza na integración entre o porto e a vila. Incluirá a remodelación da zona, así como mellora dos servizos básicos, e incidirá na seguridade viaria.

Imaxes relacionadas