Nova
Villares expón a varias delegacións internacionais de acuicultura o esforzo inversor da Xunta pola formación neste eido
No centros de Formación Profesional, dependentes da Consellería, hai máis de 500 persoas matriculadas, o maior número de inscritos desde o curso 2018-2019
Mar destina 11,3M€ a esta fin e financia as accións realizadas polas confrarías mediante unha orde de axudas bianual dotada con 1,5M€
Illa de Arousa (Pontevedra), 22 de maio de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, xunto á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro Marta Villaverde, acompañou este xoves ás delegacións internacionais de acuicultura de México, Ghana, Chile, Ecuador, Arabia Saudí, Omán e Marrocos na visita que realizaron ás instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependentes do seu departamento e situadas na Illa de Arousa. No transcurso do encontro, o responsable autonómico puxo en valor o esforzo inversor do Goberno galego pola formación no eido de impulsar a competitividade do sector marítimo-pesqueiro, a través de promocións cualificadas. Así, o seu departamento destina 11,3 millóns de euros a esta fin, ademais de financiar as accións formativas realizadas polas confrarías mediante unha orde de axudas bianual dotada con 1,5 M€.
A Consellería do Mar conta con centros formativos en Vigo, na Illa de Arousa, Ribeira e Ferrol. Neles impártense os Ciclos Superiores de Pesca de Altura e de Máquinas, e o de Técnico en Acuicultura; os Ciclos Medios de Pesca de Litoral e de Máquinas, Técnico en Acuicultura, Cultivos Acuícolas e Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas. No presente curso hai 508 persoas matriculadas da cales 61, é dicir, o 12% son mulleres.
Trátase da maior matrícula desde o curso 2018/2019, de xeito que medrou respecto o curso anterior en preto dun 3%. Ao final deste período académico poderán rematar a súa formación 220 novos profesionais (79 de ponte, 104 de máquinas e 37 técnicos en acuicultura). Polo que respecta aos cursos impartidos polas Confrarías financiados pola Consellería do Mar este ano desenvolveranse 97 accións impartidos por 17 entidades. Destacan as modalidade de Mariñeiro-Pescador e Mariscador–Percebeiro.
Misión inversa
A visita realizada polas citadas delegacións enmárcase na misión inversa impulsada polo Clúster de Acuicultura (Acuiplus) e o ICEX. O primeiro, está formado por un grupo de empresas, entidades e ante todo persoas relacionadas co sector da acuicultura que promoven a competitividade e sustentabilidade da cadea de valor dos provedores, incluíndo tanto produtos como servizos, e fortalecendo os procesos comerciais, de investigación, innovación e sustentabilidade. A misión deste ente é contribuír ao impulso da cadea de valor da acuicultura mediante a colaboración entre os actores implicados baseándose na innovación, a sustentabilidade e a competitividade; creando e xerando valor engadido e coñecemento.
No caso do ICEX, trátase dunha entidade pública empresarial cuxo fin principal é a promoción da internacionalización da economía e da empresa española, así como a atracción e a promoción dos investimentos estranxeiros en España. O seu traballo está estreitamente vinculado coas principais organizacións empresariais, Cámaras de Comercio e agrupacións sectoriais que engloban o tecido empresarial español.