Nova
Villares destaca o consumo de peixe e a práctica do deporte como hábitos saudables cun gran impacto no benestar e calidade de vida da cidadanía
O titular de Mar asistiu á LXXVIII Campionato de España de Trainerillas e ao Torneo Internacional de Fútbol Base Congalsa no que estiveron as catro foodtrucks da campaña autonómica de promoción de produtos pesqueiros GALICIA SABE AMAR
Tamén resaltou a importancia de promover o consumo de peixe, marisco e conservas entre a cidadanía polas súas excelentes calidades nutricionais que permiten previr enfermidades cardiovasculares e outras doenzas
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 23 de maio de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu hoxe ao LXXVIII Campionato e España de Trainerillas e ao Torneo Internacional de Fútbol Base, ambos no concello coruñés da Pobra do Caramiñal. Alí, o responsable autonómico destacou o consumo de peixe e a práctica do deporte como hábitos saudables que teñen un gran impacto no benestar e calidade de vida da cidadanía. Neste contexto, puxo en valor as accións do Goberno galego para promocionar os produtos pesqueiros co obxectivo de incentivar o consumo. Unha liña de traballo na que tamén está enmarcado o próximo lanzamento do Bono Peixe.
Alfonso Villares sinalou que por este motivo recalaron esta fin de semana as catro foodtrucks da campaña autonómica GALICIA SABE AMAR na localidade co obxectivo de difundir entre deportistas e afeccionados as bondades e sabor dos alimentos mariños das rías galegas. Tamén recordou que estes produtos contan con importantes calidades nutricionais, destacando entre eles a presenza de ácidos graxos Omega 3, que teñen importantes beneficios para a saúde e que permiten previr enfermidades e doenzas como as de natureza cardiovascular.
Apoio ao club de remo
A Consellería do Mar púxose a disposición do Club de Remo da Pobra do Caramiñal tralo incendio lume que afectou ás súas instalacións a comezos de ano. O departamento autonómico, a través de Portos de Galicia, puxo a disposición da entidade unha nova nave para uso de almacén e tarefas deportivas.