Nova
Belén do Campo participa na sementeira de 500.000 unidades de ameixa xaponesa organizada pola confraría de Miño para á recuperación e conservación da zona do Pedrido
Belén do Campo explicou que no 2025-2026 a Xunta reserva un total 2,2 millóns de euros para axudas dirixidas a proxectos que buscan rexenerar os bancos marisqueiros
Miño (A Coruña), 27 de maio de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou, esta mañá, nos traballos de semente de 500.000 unidades de ameixa xaponesa que a Administración autonómica puxo a disposición da Confraría de Pescadores de Miño, co fin de contribuír á recuperación e conservación dos hábitats mariños e costeiros na zona do Pedrido, concretamente nos bancos de Castelo e Canle do río Mandeo.
A acción consistiu na solta de semente de ameixa xaponesa de criadeiro en ditas áreas. Esta tarefa incluíu como paso previo o arado do fondo, co fin de favorecer a sustentabilidade e a produtividade destes bancos marisqueiros, así como a súa actividade pesqueira.
Esta confraría recibiu dúas liñas de axudas unha de 1.375 euros para a preparación do sustrato para poder facer a semente e 9.200 euros para a adquisición e sementeira da ameixa xaponesa.
Esta actuación, segundo explicou a delegada, ten por obxectivo conservar a biodiversidade, garantindo a supervivencia a longo prazo da especie obxecto deste proxecto; garantir as sostibilidade da actividade marisqueira; aumentar a densidade de xuvenís nas zonas de explotación para establecer poboacións autosostibles; mellorar a calidade ambiental e promover a xestión responsable, a través do fomento de prácticas marisqueiras sostibles.
As propostas de actuación son estudadas cunha perspectiva sistémica e tendo en conta os compoñentes da infraestrutura azul no tocante á preservación e favorecemento da biodiversidade, aplicación da restauración ecolóxica e mantemento dos servizos ecosistémicos. Ademais, e co obxectivo de ser o máis útiles posibles para o sector, son consultadas cos representantes dos mariscadores e, unha vez acordadas as máis convenientes, organízase a súa execución contando cos medios deste profesionais sempre que sexa posible.
Axudas 2025
Belén do Campo explicou que, no 2025-2026, a Xunta reserva un total 2,2 millóns de euros para axudas dirixidas a proxectos que buscan rexenerar os bancos marisqueiros.
Unha das dúas ordes céntrase na restauración da biodiversidade e ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sostibles cunha dotación de 1,9 millóns de euros, en concorrencia competitiva, está distribuída en dúas anualidades (1 millón en 2025 e 900.000 euros en 2026), estas axudas están destinadas a entidades con sede en Galicia, como confrarías de pescadores, federacións, organizacións de produtores e outras entidades recoñecidas legalmente no sector. Os gastos subvencionables inclúen desde a redacción de proxectos técnicos a contratación de empresas para limpezas, dragados, eliminación de obstáculos e eliminación de especies invasoras, adquisición de equipos e material ou compra de semilla, cun máximo de 75.000 euros por proxecto.
A outra orde de axudas vai dirixida, en concorrencia competitiva, a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción cun orzamento de 300.000 euros, para o ano 2025, estas axudas están dirixidas a confrarías, organizacións de produtores, cooperativas do mar e outras entidades asociativas legalmente recoñecidas en Galicia que sexan titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión. O importe máximo subvencionable por proxecto é de 15.000 euros, cunha axuda de 0,020 euros por cada unidade de semente. A intensidade da axuda pode alcanzar o 100% do investimento subvencionable en cada acción.