Nova
Villares defende o papel esencial do sector do mar para o subministro de alimentos de calidade á poboación
Considera que a suma dun menor impacto ambiental, xunto á calidade dos produtos das rías galegas, tamén fortalece unha cadea de valor máis xusta
Mentres a Xunta desenvolve distintas campañas para concienciar á cidadanía da necesidade de consumir peixe e marisco para unha dieta saudable, o Goberno central continúa sen baixar o IVE, desoíndo con elo á cadea mar-industria
Segundo datos das entidades marítimo-pesqueiras, suprimir esta fiscalidade saudable no ano 2023, suporía para as familias galegas un aforro próximo aos 560 millóns
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
Consumir produtos do mar é necesario para levar unha dieta equilibrada, e isto é posible grazas á sostibilidade que practica o sector marítimo-pesqueiro. Con esta mensaxe, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abriu a súa intervención no II Congreso Internacional de Consumo, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Xunta. Villares puxo así o foco na importancia de que a suma dun menor impacto ambiental, xunto a uns produtos de altísima calidade como os que producen as rías galegas, tamén fortalece unha cadea de valor máis xusta.
A este respecto, Villares apelou ao compromiso gobernamental, pois é competencia de todas as Administracións asegurar un consumo responsable, que leve asociado un traballo dirixido á concienciación da poboación. Un obxectivo no que está plenamente inmerso a Consellería con campañas divulgativas e promocionais, como GALICIA SABE AMAR, que fomenta o criterio da orixe para determinar a calidade á hora realizar a elección do produto, ou a posta en marcha do Bono Peixe, dotado con 2,5 millóns de euros e que permitirá un aforro dun 25% na compra de 50.000 galegos.
Son distintas liñas de actuación que, en palabras de Villares, tamén buscan reverter o descenso de consumo e dar resposta á recomendación sanitaria de que para manter unha dieta equilibrada se precisan de tres a catro racións semanais. Proba delo é que este tipo de políticas permitiron que o pasado ano o consumo per cápita medrara nun 6% ata os 25 quilos, un 38% máis con respecto ao resto de España.
Diante esta acción conxunta e apoiada polo sector, o conselleiro lamenta que o Goberno central continúe sen baixar o IVE, a pesares de ser un clamor da cadea mar-industria. E é que, segundo datos das entidades vencelladas á actividade marítimo-pesqueira, suprimir esta fiscalidade saudable no ano 2023, suporía para as familias galegas un aforro próximo ao 560 millóns.
O conselleiro do Mar participou así na inauguración da segunda edición deste encontro que, durante dous días, reúne en Santiago a medio cento de expertos do ámbito institucional, social e empresarial, co fin de buscar solucións e propostas concretas para garantir un consumo máis equitativo e xusto.