Nova

Alfonso Villares defende a sostibilidade como un dos elementos que garanten a soberanía alimentaria

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Para lograr este obxectivo, destaca a importancia de apostar pola I+D+I, que debe ser en equilibrio cos piares social e económico, tal e como a Xunta defende no marco da reforma da PPC

O conselleiro considera que este é o camiño para evitar tamén a dependencia das importacións de terceiros países

A terceira edición do encontro converte a Galicia no epicentro do diálogo aberto, global e inclusivo sobre a sustentabilidade e o alcance dun océano san e produtivo

Vigo, 28 de maio de 2025

A sostitilidade como un dos piares que garanten a soberanía alimentaria centrou a intervención do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na inauguración do III Foro Galicia Sustentabilidade Global de Produtos do Mar que, nesta edición, achega ao sector o debate sobre a responsabilidade da actividade pesqueira, acuícola e de transformación dos produtos do mar.

Deste xeito, voces destacadas de organizacións diversas disertan ao longo desta xornada sobre a medición deste factor que dá nome ao encontro, e que reúne na cidade olívica a máis de 20 expertos chegados de distintos puntos do territorio nacional e internacional para abordar o futuro do sector dende a perspectiva que supón a práctica responsable da actividade pesqueira para garantir á poboación alimentos saudables.

Neste obxectivo, o responsable autonómico puxo o foco na importancia de apostar pola investigación, a innovación e a divulgación. E é que, segundo remarcou, a sostibilidade é presente, pasado e futuro, pois o sector marítimo-pesqueiro é unha das actividades económicas máis relevantes de Galicia e, para que así o siga sendo, ten que practicarse co máximo respecto ambiental, en equilibrio cos piares social e económico, tal e como o Goberno galego vén defendendo no marco da reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Esta é a maneira, dixo, para evitar tamén a dependencia das importacións de terceiros países, pois o contrario sería desviar as políticas cara un modelo que en si mesmo é insostible.

Galicia, epicentro do diálogo global

A sustentabilidade dos produtos do mar é unha meta compartida por todos os actores, incluída a propia Administración que, a través da Consellería do Mar, volve a colaborar co desenvolvemento deste encontro. Un apoio que se enmarca no convenio asinado coa Fundación Nueva Pescanova, entidade organizadora do simposio, en colaboración con Abanca.

O Foro Galicia de Sustentabilidade Global de Produtos do Mar nace en 2023 co fin de converter a Galicia e España nun referente do diálogo sobre a sostibilidade dos alimentos que producen as rías galegas. Trátase dunha iniciativa destinada a impulsar o diálogo sobre esta materia e a cooperación coas institucións, asociacións, organizacións e empresas que traballan en prol da actividade responsable vinculada ao mar.

Con este foro, a comunidade, rexión de longa tradición pesqueira e acuícola e líder nestas actividades, asume o reto de acoller un debate aberto, global e inclusivo sobre a actuación responsable e o papel que este factores xogan para alcanzar un océano san e produtivo.  Con esta terceira edición, o evento consolídase como cita internacional nesta materia e Galicia convértese no epicentro da análise global relativa a este campo, achegando o debate á zona que rexistra unha actividade máis elevada.

Imaxes relacionadas