Nova

A Xunta destaca a excelencia dos produtos alimentarios do agro e do mar a través da iniciativa 'Galicia sabe a origen'

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron neste acto de promoción celebrado no restaurante Bancal de Madrid, coa participación de cociñeiros galegos de prestixio

Gómez salientou que Galicia conta con 36 denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas, o que a sitúa como a terceira comunidade de España con máis selos de calidade deste tipo

Pola súa banda, Villares puxo en valor a extraordinaria calidade dos produtos que ofrecen as rías galegas e o traballo da cadea mar-industria que, en termos económicos, achega o 5% do PIB galego

Madrid, 28 de maio de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron esta tarde na iniciativa de promoción Galicia sabe a origen, celebrada no restaurante Bancal de Madrid, coa que se puxo en valor a excelencia dos produtos alimentarios do agro e do mar que se obteñen na nosa comunidade.

Este acto, no que tamén estiveron presentes o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos; contou coa participación de cociñeiros galegos de prestixio que foron os encargados de elaborar diferentes pratos con produtos da nosa comunidade.

A conselleira do Medio Rural aproveitou a ocasión para salientar que os produtos alimentarios galegos son sinónimo de excelencia, dunha calidade que está garantida para os consumidores. Neste sentido, engadiu que isto é o resultado da colaboración entre produtores, empresas do sector e o Goberno autonómico para seguir potenciando o que fai diferentes e competitivos a estes produtos, a calidade.

Por iso, quixo lembrar que Galicia é a terceira comunidade de España con máis selos de calidade diferenciada. A nosa comunidade conta con 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que amosan o potencial do sector agroalimentario e do mar galegos.

Pola súa banda, o responsable do Mar puxo en valor a extraordinaria calidade dos produtos que ofrecen as rías galegas, animando con elo ao seu consumo, pois estes conteñen un alto valor proteico para a saúde e son o resultado dunha actividade económico-industrial que representa o 5% do Produto Interior Bruto (PIB).

Co obxectivo de seguir apoiando á cadea mar-industria, Villares destacou as distintas campañas que dende o seu departamento se están a impulsar e a levar cabo, como son a de GALICIA SABE AMAR ou o propio Bono Peixe, dotado con 2,5 millóns de euros, e do que se beneficiarán 50.000 galegos. O obxectivo, remarcou, é que as poboacións do litoral sigan vivindo da actividade que leva asociada, pois isto tamén contribúe a fixar poboación e ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.

Ciclo de xornadas

O acto celebrado esta tarde é o primeiro dun ciclo gastronómico de xornadas organizadas baixo un enfoque experimental e divulgativo, impulsado polas consellerías do Medio Rural e do Mar en colaboración con MOM Culinary Institute e o restaurante Bancal.

A iniciativa ten como finalidade a posta en valor dos produtos galegos do agro e do mar con accións gastronómicas dirixidas ao público final mediante a participación de cociñeiros galegos de recoñecido prestixio. Nesta liña, búscase reforzar a identidade de Galicia como referente en calidade e xerar visibilidade tanto a nivel autonómico como nacional.

 

Imaxes relacionadas