Nova

CETMAR celebra o Día Mundial dos Océanos cunha campaña participativa de recompilación de palabras relacionadas co mar

“Un Mar de Falas” dará comezo hoxe nos diferentes perfiles do centro en redes sociais co obxectivo de animar á cidadanía a compartir vocabulario mariño

Vigo, 3 de xuño de 2025

Co gallo da celebración do Día Internacional dos Océanos, que se conmemora o vindeiro 8 de xuño, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR lanza unha campaña participativa baixo o título de “Un Mar de Falas”. O seu obxectivo é afundir no imaxinario colectivo a diversidade de voces e palabras relativas ao mar e compilar todas aquelas relacionadas con esta temática.

A campaña, que dará comezo hoxe nas diferentes contas de CETMAR en redes sociais, artéllase a través dun hashtag único, #UnMarDeFalas, admitindo propostas en calquera lingua.

Para participar haberá que escoller unha palabra -redeira, maraxe, batea, etc.- e compartir nunha mensaxe ou comentario o seu contexto, que pode ser desde unha anécdota ata un recordo familiar asociado, un verso ou un oficio que a describa. A publicación debe ir acompañada da etiqueta #UnMarDeFalas.

Unha vez finalizada a campaña, cada aportación formará parte dunha gran onda con todas as palabras recollidas, que se plasmará nun mural colectivo en formato dixital e físico e que será testemuña da memoria viva mariña.

Esta iniciativa, coa que CETMAR pretende conectar directamente coa meta do ODS 14 de “Conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños”, responde así á vontade de fomentar a participación pública e a concienciación ambiental mediante un achegamento simbólico ao mar.

Ao convidar á cidadanía a reter e compartir vocabulario mariño, “Un Mar de Falas” reivindica o mar como un ben común, situado no corazón da cultura e da identidade local, e abre portas á co‐responsabilidade na súa conservación.

Coa mirada posta no futuro, o Centro Tecnolóxico do Mar agarda converter esta iniciativa nunha cita anual que vaia engadindo novas linguas, novas xentes e novas palabras.