Nova

O Intecmar, como LNR de biotoxinas mariñas, participa na constitución da comisión permanente de laboratorios da AESAN en prol da seguridade alimentaria

Madrid, 10 de xuño de 2025

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), como Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas (LNR), estivo presente este luns na constitución da Comisión Permanente de Laboratorios (CPL) da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) en prol da seguridade alimentaria. En representación deste centro acudiu a súa directora, Covadonga Salgado.

Trátase dunha das tres comisións establecidas para o axeitado funcionamento da Comisión Institucional. As outras dúas son a Comisión Permanente de Seguridade Alimentaria (CPSA) e a Comisión Permanente de Nutrición (CPN). Estes órganos están coordinados polos directores das subdireccións responsables e formados polo persoal competente de dita Axencia e as persoas funcionarias designadas polos titulares da Comisión Institucional pertencentes ás comunidades autónomas, preferiblemente con rango de subdirección xeral.

No caso da de Laboratorios, participan ademais os directores dos laboratorios nacionais de referencia no ámbito da seguridade alimentaria. Hoxe os integrantes, no marco dunha xornada específica e dun xeito máis concreto, tamén analizarán os principais temas de discusión das redes europeas de laboratorios neste ámbito. O obxectivo, contribuír á actualización da información científica e técnica para mellorar a seguridade dos alimentos que se producen e consumen en España.